Pontevedra estudará as peticións da Xunta en relación cos viais de acceso ao futuro aparcadoiro de Montecelo e o mantemento da avenida principal

Pontevedra, 15 de abril de 2025. O Concello de Pontevedra completou e cumpriu con todos os compromisos que asinou no seu momento para a construción do novo Montecelo—xunto con outros a maiores—. “Todo o que dependía do Concello está feito”, indicou o concelleiro de mobilidade e Infraestruturas, César Mosquera.
Segundo comunicou o edil, a reunión da comisión de seguimento do hospital Montecelo tivo como maior punto de interese dúas cuestións bastante concretas. Así, a reunión xirou ao redor das peticións da Xunta de Galiza para que o Concello de Pontevedra asuma a titularidade e o mantemento futuro da avenida de Montecelo, así como dun pequeno traeito que dá acceso ao futuro estacionamento.
“Haberá que estudalo”, sinalou Mosquera. “As entradas deses accesos realmente son problemáticas. Na actualidade un dos viarios que dará acceso ao aparcadoiro non é público, polo que é necesario, case seguro, modificar o proxecto sectorial ao igual que coa primeira das peticións”.
O edil de Mobilidade prevé certos problemas de circulación tal e como está agora mesmo o proxecto nesta zona, polo que solicitou unha revisión do mesmo. “É unha modificación do proxecto sectorial e do convenio que haberá que mirar con calma para ver como queda todo. O que non podemos facer é darlle agora unha solución rápida e logo que quede mal, e volver facer obras e levantar todo. Non, non pode ser así, a zona xa está bastante castigada con este período de obras”.
Así, o Concello de Pontevedra pedíu unha proposta de solución para poder valorar e asumir estas peticións do mellor xeito posíbel. “Hai que negociar e ver como queda isto e como o podemos deixar. A idea do Concello é que, se hai que agardar, agardemos, co obxectivo de que quede ben desde o primeiro minuto no que entre en funcionamento e evitar follóns no futuro”.