Comezan os traballos de asfaltado na estrada que une Romariz e Comboa

Soutomaior, 8 de abril de 2025.Comezaron os traballos de asfaltado na estrada que une os barrios de Romariz e Comboa. Trátase dunha vía no centro da parroquia de Soutomaior que conta cunha considerable afluencia, tanto dos centos de veciños e veciñas dos dous barrios como da veciñanza doutros barrios ou doutros concellos que se achegan até a zona fluvial da Veiguiña Longa, a máis importante da parroquia de Soutomaior.
Para levar a cabo este asfaltado, o Goberno de Soutomaior está a levar a cabo un importante investimento de máis de 40.000 euros de fondos propios. O proxecto da actuación, redactado por InfoUrban e executado por Caldevergazo, contempla a repavimentación e adecuación do vial, coñecido como rúa da Ponte, na que tamén se amplían as prazas de aparcadoiro. Ademais do reasfaltado, tamén se levarán a cabo tarefas de mantemento e limpeza das marxes da estrada e da súa contorna, co fin de garantir a seguridade viaria dos veciños e veciñas que teñen o seu domicilio a ambos os lados da estrada.
Esta importante actuación no barrio de Romariz súmase a outras realizadas no barrio desde o comezo do mandato, como o arranxo da fonte de San Benito, o pintado de prazas de aparcadoiro nesta estrada entre Comboa e Romariz ou a reparación dun afundimento nunha das beirarrúas desta mesma estrada. Tamén na parroquia de Soutomaior leváronse a cabo outros importantes investimentos, como a humanización da praza da Pedreira e o arranxo da estrada de Cortellas.
De cara aos vindeiros meses, o Goberno local tamén iniciará a reurbanización do Val-Sobral, a construción dun núcleo de centralidade na Casa do Concello e o arranxo do campo do fútbol do Soutomaior, ademais de avanzar no plan de asfaltados nas estradas municiapis dos barrios rurais. Así, o Goberno local investirá en 2025 na parroquia de Soutomaior máis de 500.000 euros.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “esta é unha obra importante coa que damos un mellor servizo aos centos de persoas que fan uso cada semana desta estrada, ao tempo que melloramos a seguridade viaria tanto para os veciños e veciñas que viven arredor dela como para todas as persoas (maioritariamente xente maior e adolescentes), que a percorren a pé para achegarse ata a Veiguiña Longa”.
Manu Lourenzo tamén sinalou que “hoxe en Soutomaior fanse máis obras e investimentos ca nunca grazas a unha xestión económica referendada polos informes de intervención e secretaría, que nos vai permitir destinar máis de 3 millóns de euros en 2025 a investimentos en obras e proxectos”.