CONCERTO DE JENNIFER LÓPEZ
Lores: "Pontevedra non ten límites"
Pontevedra, 8 de abril de 2025. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do edil de Cultura, Demetrio Gómez, e do responsábel da promotora PlayPlan, Jordi Lauren, quixo ofrecer unha valoración ao redor do concerto que a artista estadounidense Jennifer López ofrecerá en Pontevedra o vindeiro 8 de xullo..
“Estamos encantados, obviamente”, comezou a súa intervención o rexedor. “Jennifer López virá a Pontevedra e ademais realizará o primeiro concerto aquí da súa xira no Estado, o primeiro, ademais, en cinco anos desde a súa última visita”.
Fernández Lores sinalou que “non é unha casualidade” que o concerto de López sexa unha realidade, fiándoo á capacidade máis que demostrada de Pontevedra á hora de organizar eventos de todo tipo a nivel mundial, sexan deportivos ou culturais. “Pontevedra está na moda. A experiencia dinos que a xente que se achega até a nosa cidade repite. Temos un éxito absoluto porque somos unha cidade acolledora. Xa o dixen hai moitos anos: Pontevedra non ten límites, por iso seguiremos organizando eventos de todo tipo no futuro”.
Pola súa banda, Jordi Lauren indicou que o que máis destacaba “desta aventura que é traer a Jennifer López á nosa terra”, era a capacidade que ten Pontevedra e PlayPlan como parte empresarial de lograr “entendernos, comunicarnos e chegar a puntos en común con moita facilidade”. “Somos conscientes que isto é un reto organizativo, comuncativo e de xestión, pero Pontevedra está plenamente preparada grazas a experiencias previas. É unha cidade que transmite os seus valores e as súas características únicas”.
Lauren indicou que este é un concerto que “xera un orgullo especial” e que traerá consigo “un impacto impresionante, e xa se puido ver onte polas redes ou os medios, como o nome de Pontevedra circulou por todo o mundo, situándoa como un referente a nivel organizativo e musical incontestábel”.
Concello e promotora indicaron o enorme esforzo organizativo que supón poder contar na cidade cun evento destas características, desde as negociacións primeirizas até a creación de plans de seguridade. “O día 8 viviremos unha noite tremendamente especial e oxalá poidamos repetir no futuro algo parecido. Polo de agora, imos saborear o momento”, finalizou.