A Festa do Demo cumpre 23 anos
Pontevedra, 23 de agosto de 2024. A Festa do Demo volverá tinguir de cor vermella varias das rúas da cidade de Pontevedra. A saída do Demo e do seu séquito dos arcos de San Bartolomeu para percorrer as rúas e prazas do centro histórico promete ser un acontecemento un tanto maligno, si, mais tamén unha cita onde a diversión, a sorpresa e a tradición popular son conxugadas nun mesmo espazo e nun mesmo tempo.
Ás 12.30 horas, do venres 23 de agosto, o Demo sairá da tradicional localización para a continuación continuar facendo o mal a través de burlas e trasnadas varias. Ás 20 horas, a comitiva volverá saír para facer de novo o percorrido, por se algunhas crianzas ou adultos perderon a oportunidade pola mañá.
Ás 21 horas comezará o concerto de San Bartomoleu ofrecido pola Banda de Música de Salcedo na praza de José Martí. Media horiña máis tarde, ás 21.30 horas, iniciarase a Foliada do Demo cos Chichisos e Silvia Redonda na praza de Curros Enríquez.
A recuperación da Festa do Demo cumpre 23 anos de historia e simboliza o éxito da recuperación de festividades e celebracións tradicionais, festividades que non só demostran a súa vixencia á hora de ofrecer divertimento, senón que tamén achegan unha aproximación á etnografía pontevedresa.
No seu día, a recuperación desta cita foi un labor de investigación de enorme interese á par que complexo, perante a dificultade de atopar información sobre a celebración en si. O rastrexo principal levouse acabo a través do libro Pontevedra, boa vila, que conta cun texto de Vicente Risco e un par de ilustracións de Agostiño Portela. Por suposto, a veciñanza tamén axudou, sendo fontes orais de referencia, ao contaren quen era Dominguiños, un pontevedrés daquela época, que sempre exercía de demo. Este Dominguiños era un antigo aprendiz de electricista, logo vendedor de décimos de lotaría, mais lembrado na memoria popular por exercer de Lucifer chegado o momento adecuado, intre do que nenos e nenas fuxían, malia que tamén sabían que podían obter algún que outro agasallo del en forma de caramelo.