The New York Times, a televisión pública alemá e concellos de Corea do Sur e Colombia poñen o seu ollo no modelo Pontevedra
Pontevedra, 23 de agosto de 2024. Que Pontevedra é un referente mundial é unha evidencia non só avalada polos múltiples premios, polos recoñecementos recibidos ao longo dos últimos anos ou pola súa participación dos máis prestixiosos congresos internacionais, senón tamén pola inumerábeis visitas, reportaxes e peticións de información recibidas de todas as partes do mundo
Unha destas peticións foi realizada pola xornalista neoiorquina Tanya Mohn, que escribe para o diario The New York Times, coñecido por ser unha das publicacións con maior prestixio mundial dentro da prensa escrita e dixital. Tal e como explicou na súa solicitude, a entrevista formará parte dun artigo vinculado coa conferencia ‘Climate Forward’ que terá lugar a finais de setembro, tendo como temática o eslogan ‘Afrontar a nosa nova realidade’. O alcalde realizará a video conferencia o vindeiro 3 de setembro.
Doutra banda, dentro destas peticións de entrevistas telemáticas, tamén se sitúa a que o alcalde realizou hoxe mesmo co seu homólogo na cidade de Sabaneta (Colombia), Alder Cruz. “É unha cidade dunha poboación próxima á de Pontevedra”, explicou. “Acaba de gañar as eleccións hai pouco tempo e quere coñecer Pontevedra. Virá en outubro até aquí, no marco dun congreso deportivo, pero quere xa coñecer distintos elementos da cidade antes de vir”.
Xa de xeito presencial, chegará até a cidade a produtora alemá Sagafilmworks, que está a traballar nunha reportaxe para a televisión pública alemá na que procura comprobar as vantaxe de eliminar os tráficos innecesarios de vehículos nas cidades.
Por último, desde Corea do Sur viaxará unha delegación da cidade de Suncheon, coñecida como a capital ecolóxica deste país. Trátase dunha vila con case 300.000 habitantes e os seus representantes buscarán aprender sobre as políticas que promoven o transporte público e o establecemento de infraestruturas bicicletas e peóns. Un total de 7 empregados do Concello de Suncheon virán até Pontevedra o 3 de setembro.