SEGADE, PARADIVAS E SANTA MARÍA
Caldas realiza o domingo 29 a primeira andaina de outono
Caldas, 24 de setembro de 2024.-O Concello de Caldas de Reis, a través da Concellería de Cultura e Deportes, vai realizar este domingo 29 a primeira das súas andainas de outono, nesta ocasión por Segade, Paradivas e Santa María. As inscricións para participar na camiñada circular, de 14 quilómetros e unhas tres horas de duración, estarán abertas ata o venres ás dúas da tarde.
O punto de inicio e chegada será o edificio multiúsos de A Tafona, con saída programada ás dez da mañá. Ao longo do percorrido, as e os participantes poderán gozar de vistas espectaculares mentres atravesan puntos como a fervenza de Segade, ata onde se chegará pola ruta da auga, para logo dirixirse á Ponte Romana, Reirís, bordear o encoro da Baxe, baixar por Paradivas cara a Santa María e volver ao lugar de inicio.
O percorrido, cunha duración aproximada de tres horas, conta con desniveis acumulados accesibles, estando cualificado como de dificultade media. A camiñada forma parte do ciclo de rutas polo rural caldense, un programa do Concello deseñado para promover a actividade física e o descubrimento da contorna natural da vila.
O obxectivo é promover un estilo de vida saudable e o respeto polo medio natural
O obxectivo, segundo destaca o tenente de alcalde Manuel Fariña, é promover un estilo de vida saudable e o respecto polo medio ambiente, seguindo a filosofía de “residuos cero”, polo cal se pide a todas e todos os asistentes que leven o seu propio recipiente reutilizable para a auga. O nacionalista fai unha chamada tanto á veciñanza de Caldas como tamén a persoas da contorna a que se acheguen a coñecer o patrimonio natural e cultural da vila termal “que aínda é descoñecido por moita xente”.
Para participar, a inscrición estará aberta ata as 14 horas do venres 27. O custe da inscrición, que se debe facer no correo [email protected] ou no 625 482 636, é de tres euros para facer fronte ao seguro, que se pode abonar mediante bizum ou transferencia bancaria.