Soutomaior fará unha modificación de crédito de máiss de 500.000 euros para novas infraestruturas e o incremento do canon de Sogama
Soutomaior, 24 de setembro de 2024. O Goberno de Soutomaior aprobará unha modificación de crédito de máis de medio millón de euros no pleno ordinario do mes de setembro co obxectivo de desenvolver diversas actuacións e obras no que queda de 2024. Así, esta modificación de crédito inclúe, entre outros, varios asfaltados na contorna do campo de Salgueirón e nos barrios de Lourido e Moreira, así como unha actuación no salón de actos do CEIP Manuel Padín Truiteiro.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que na actualidade o Goberno local está a desenvolver importantes obras por todo o concello, como son a ampliación do aparcadoiro principal da Avenida Xosé Solla, que pasa de 15 a 60 prazas; a humanización da Praza da Aldea; o arranxo da estrada de acceso ao barrio de Cortellas... En total, o Goberno de Soutomaior mobilizará arredor dun millón de euros en investimentos para a mellora de diferentes infraestruturas e espazos do concello, co obxectivo de beneficiar á veciñanza.
Neste sentido, o alcalde Manu Lourenzo sinalou que a modificación de crédito é unha ferramenta empregada habitualmente polos concellos e que vai ter consecuencias positivas para os veciños e veciñas de Soutomaior, xa que lle permitirá ao Goberno local desenvolver importantes investimentos e obras nos barrios.
Facer fronte á suba do canon de Sogama
Por outra parte, o Goberno de Soutomaior tamén aprobará esta modificación de crédito co obxectivo de facer fronte á suba do canon de Sogama anunciada o pasado mes de xullo. O alcalde Manu Lourenzo criticou que este incremento do canon tradúcese nunha suba de impostos da Xunta á veciñanza de Soutomaior. Esta suba de impostos da Xunta, sumada aos custos asociados ao novo contrato de recollida de residuos que terá que asinar o Concello, podería chegar a triplicar o recibo do lixo para os veciños e veciñas de Soutomaior.
O Goberno local critica que o incremento do canon de Sogama é unha subida de impostos da Xunta que pode chegar a triplicar o recibo de lixo da veciñanza de Soutomaior.
O alcalde sinalou que “o PP leva toda a vida criticando que imos subir os impostos e as taxas pero agora son eles os que aplican unha suba de impostos á veciñanza de Soutomaior. A normativa estatal impídenos aplicar bonficacións no recibo do lixo, polo que esta suba de impostos da Xunta repercutirá de maneira directa e completa aos petos dos veciños e veciñas de Soutomaior”.