Pontevedra estará presente na 72 edición do festival de Cine de San Sebastián
Pontevedra, 24 de setembro de 2024. O Concello de Pontevedra achegarase até o Festival de Cine de San Sebastián esta fin de semana co obxectivo de participar na presentación oficial dos Premios Feroz en Pontevedra dentro da programación e instalacións da cita cinematográfica internacional.
Lores lembrou que o Festival de Cine de San Sebastián é o único festival de categoría A co que conta o Estado, un dos sete que hai en Europa e un dos catorce do mundo; acadando este ano a súa 72a edición. “É un dos eventos máis importantes da cinematografía mundial. Estaremos rodeados de centos de xornalistas”, explicou. “Temos que estar orgullosos e contentos, debemos sacar peito da nosa cidade, de ver a Pontevedra dentro desta cita. Cremos que non hai mellor campaña promocional para unha cidade do noso tamaño, un escaparate único en San Sebastián. Alí estaremos o sábado 28, ás 13.00 horas, na sala de prensa da sede do festival, ofreceremos unha rolda de prensa acompañados de María Guerra, presidenta da Asociación de Informadores Cinematográficos, e alí convidaremos a todos os presentes a visitar a nosa cidade”.
Pontevedra acollerá os Premios Feroz durante os anos 2025 e 2026, transformándose nun dos epicentros da cultura cinematográfica durante a celebración das súas galas. Porén, a pegada dos Premios Feroz será máis fonda e larga que a que ten a gala, habendo unha programación en relación co cinema durante todo o outono e todo o inverno.
“Somos unha cidade atractiva, unha cidade que paga a pena coñecer e así o deixaremos claro en San Sebastián”, explicou o alcalde. “No acto do sábado tamén será anunciado o presentador da gala e tamén se entregará o Premio Feroz Zinemaldia, que se entrega á mellor película en competición da sección oficial do Festival”.