Caldas reune o sábado 28 de setembro a máis de 100 músicos nun concerto de música tradicional
Caldas, 23 de setembro de 2024. Caldas de Reis vivirá este sábado 28 un concerto moi especial: seis agrupacións de música tradicional que sumarán máis dun cento de intérpretes xuntaranse para tocar un repertorio co que redescubrir o valor cultural e etnográfico da cultura popular galega. Haberá gaitas, percusión, acordeóns, zanfonas ou pandeiretas-entre outros instrumentos- para tocar dende pasodobles, vals a muiñeiras moi coñecidas polo público.
Segundo explica o Tenente de Alcalde e responsable da área de Cultura, Manuel Fariña, a cita será o sábado ás 18.30 horas e suporá a posta de largo do traballo que leva realizando durante todo o ano o alumnado da Escola de Instrumentos Tradicionais Suso Vaamonde de Caldas de Reis. Estes participantes xuntaranse cos da Escola Municipal de Música e Baile Tradicional de Outes e a Aula Permanente de Música Tradicional do Campus de Pontevedra, así como cos da Asociación Cultural A Foliada, o grupo folclórico Hai que Roelo e Tequexetéldere, todos eles dirixidos por Suso Vaamonde.
A actuación será na Praza das Palmeiras, onde se interpretarán pezas moi coñecidas. A cita será moi especial, segundo explica Fariña, xa que aínda que non é a primeira vez que se reúnen en Caldas de Reis varias bandas para formar unha orquestra popular cun repertorio común, esta ocasión é na que haberá unha participación máis numerosa.
O nacionalista destaca que a celebración deste concerto vén a consolidar a vila termal como un municipio no que toda a súa veciñanza ten unha grande relación e interese pola música, tanto pola ampla participación na Escola de Instrumentos Tradicionais, como tamén na Escola Municipal de Música ou a Banda de Música de Caldas, así como pola participación en eventos. Subliñou que dende o Concello estase a traballar co obxectivo de dar a máxima promoción programando actividades diversas que permitan a músicas e músicos a súa formación e dinamización, así como o goce da música por parte das veciñas e veciños.