Soutomaior pon a disposición da Xunta as referencias catastrais dos terreos para o novo centro de saúde
Soutomaior, 23 de setembro de 2024. O Goberno de Soutomaior porá esta semana a disposición da Xunta as referencias catastrais dos terreos para o novo centro de saúde de Arcade, unha vez que o rexistro da propiedade e o catastro fixeron efectiva a inscrición das parcelas e o cambio de titularidade, respectivamente. O Goberno local ten xa os deberes feitos e agora é a quenda da Xunta de iniciar as obras canto antes para que a veciñanza de Soutomaior conte canto antes co novo centro de saúde.
O proceso para a adquisición das parcelas viuse afectado por numerosas demoras debido ao proceso de expropiación dos terreos iniciado polo anterior alcalde e equipo de Goberno e que fixo que a tramitación administrativa se estendese no tempo durante moitos meses. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “tal e como indicamos no anterior mandato e en varios ocasións durante o actual, o Goberno de Soutomaior considera en que apostar pola expropiación no canto de negociar os terreos foi un erro, xa que retrasou durante moito tempo a adquisición das parcelas, atrasando á súa vez o futuro comezo das obras de construción do centro de saúde.
Manu Lourenzo: O Goberno de Soutomaior xa fixo todos o deberes e instamos á Xunta a que os Orzamentos galegos de 2025 inclúan partidas específicas para a construción do novo centro de saúde.
Dito isto, o alcalde Manu Lourenzo sinalou que o Goberno de Soutomaior seguiu adiante cos trámites da expropiación coa máxima celeridade. Así, o pasado mes de abril o rexedor asinou na notaría a escritura de adquisición dos terreos nos que se ubicará o centro. “Nós levamos dende hai meses cos deberes feitos e agora é o momento de que a Xunta mova ficha. Agora que se están a redactar os Orzamentos galegos para 2025, solicitámoslle á Xunta a que estes orzamentos recollan partidas específicas para a construción do novo centro de saúde”, sinalou Manu Lourenzo.
Neste sentido, o alcalde Manu Lourenzo lembrou que “a veciñanza de Soutomaior sofre desde hai anos unha alarmante falta de profesionais da sanidade. Contamos cunha poboación de máis de 7.500 persoas e cun cadro de persoal de tres médicos e médicas, o que supón unha ratio moi por enriba do que aconsella a Organización Mundial da Saúde (OMS). É imprescindible que a Xunta comece canto antes a construción do novo centro de saúde de Arcade e faga investimentos en persoal, a veciñanza de Soutomaior non pode seguir véndose afectada por unha sanidade pública sen recursos”, concluíu o alcalde Manu Lourenzo.