CUN ORZAMENTO DE 5,5 MILLÓNS DE ERUOS, SERÁ O PARQUE URBANO MÁIS GRANDE DA CIDADE

As obras do parque urbano da Parda comezarán este mesmo ano

Parque A Parda
Parque A Parda
As obras do parque urbano da Parda comezarán este mesmo ano

Pontevedra, 20 de setembro de 2024. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do edil de Urbanismo, Xaquín Moreda, visitou os terreos nos que se situará o futuro parque da Parda, un espazo que contará con máis de 33.000 metros cadrados e que se transformará no parque urbano máis grande da cidade. 

O futuro parque urbano da Parda contará ademais con dous aparcadoiros, un parque infantil, dous miradoiros, permitirá continuar a senda fluvial do Gafos e será o fogar, no futuro, do Pavillón da Parda. 

“Falamos do que será o maior parque da cidade, situado nun barrio que experimentou un gran crecemento nos últimos anos”, lembrou o rexedor. “Vai ser para a cidade por suposto, pero especialmente para o barrio da Parda. Falamos dun espazo tan grande como tres veces a praza de Barcelos”. 

Fernández Lores indicou que o procedemento administrativo para a contratación da obra continúa o seu curso, estando nestes intres os técnicos municipais estudando as nove ofertas presentadas polas diferentes empresas interesadas no proxecto. “Unha vez feito o estudo e a mesa de contratación a previsión é que as obras comecen antes de que finalice este ano 2024”, estimou. 

“É un proxecto realmente importante, que abre a cidade, que ofrece unha nova zona de estancia, e unha nova zona verde. Préstame especialmente que conecte co Gafos, coa zona de Tomeza e que permita crear un roteiro seguro e fermoso aínda maior”, afirmou o alcalde. 

As obras do parque urbano da Parda comezarán este mesmo ano