O BNG de Valga organiza a primeira Festa da Lingua
Valga, 20 de setembro de 2024. Aínda que previsto inicialmente para o 25 de maio con motivo do Día das Letras Galegas, e adiado pola chuvia, o BNG de Valga organiza a primeira Festa da Lingua que terá lugar o sábado 21 de setembro na praia fluvial de Ponte Valga. Precisamente foi un valgués de Cordeiro, Xesús Ferro Couselo quen impulsou, xunto cos académicos Francisco Fernández del Riego e Manuel Gómez, a celebración do Día das Letras Galegas o 17 de maio de cada ano, coincidindo co centenario da primeira edición de "Cantares Gallegos", de Rosalía de Castro.
Música, poesía, sesión vermú ou un obradoiro para os máis pequenos, son algunhas das actividades programadas para o sábado 21 de setembro na praia fluvial de Ponte Valga, nun evento que ten o obxectivo de consolidarse na programación cultural valguesa
O programa de actividades comezará ás 12:00 horas co coloquio Liberdade para o galego, con Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, plataforma independente, plural e apartidaria, creada en 1986 e que ten como único obxectivo a promoción do uso do galego en todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma.
Posteriormente Pop Voyage DJ será o encargado da selección musical durante a sesión vermú, previo ao xantar popular no que cadaquén pode traer a súa comida.
Ás 17:00 horas terá lugar o obradoiro Pintar o país das letras e outros enredos, dirixido aos máis máis peques, e que consiste nun póster xigante con autores e personaxes literarios no que as nenas e nenos poden colorear.
Chegadas as 20:00 horas será tempo do Recital Rebelde da man da valguesa, nacida na Aldea dos Rebeldes de Campaña, Diana Kurich. A súa obra "Feitas ao sisel" foi a gañadora da décimo sétima edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas.
O tempo da música ao vivo será ás 20:30 horas con o'leo de matamá (arremecághona's produçións), proxecto musical como cantautor punk de Leonardo Fernández, artista polifacético, filólogo e poeta.
Nota.- En caso de chuvia o recital poético e o concerto serán trasladados á Casa da Cultura de Ponte Valga