Pontevedra investirá 800.000 euros na renovación de papeleiras, bancos, marquesiñas, varandas e colectores da cidade
Pontevedra, 19 de setembro de 2024. A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, deu conta do contrato de subministración e instalación de elementos para a renovación parcial do parque de mobiliario urbano, co obxectivo de mellorar os espazos urbanos da cidade.
Tal e como lembrou a concelleira na súa intervención, foi o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, quen a principio de mandato estableceu a priorización do mantemento e mellora dos distintos espazos da cidade para que “quedase de punta en branco”. Dentro desa priorización asoma este contrato en cuestión, que suma case 800.000 euros, e que inclúe a través de cinco lotes distintos, a renovación de papeleiras (300.000 euros), bancos (125.000 euros), marquesiñas (75.000 euros), varandas metálicas (41.800 euros) e colectores de residuos (258.120 euros).
“A intención é, e así se estivo facendo, continuar co traballo de revisión e ver cales se podían mellorar con mantemento e cales deberían ser mudados completamente”, explicou Vilaverde. Cómpre indicar que hai varios meses foron renovadas a gran maioría de papeleiras do centro histórico. O Concello prevé que, xunto con estas, se renoven un total de 271 papeleiras e preto de 250 bancos, por exemplo.