Eduardo Casanova, Lois Patiño, Paula Ortiz e Víctor Iriarte estrean as previas dos Feroz 2025 en Pontevedra
Os Premios Feroz 2025 achéganse cara Pontevedra do mesmo xeito que o calendario avanza.
Esta gala, que se celebrará o sábado 25 de xaneiro no Recinto Feiral, virá precedida dunha ampla programación que se prolongará ao longo de todo o outono e parte do inverno, e que convocará en Pontevedra a algúns dos creadores e creadoras de cinema e series do estado.
Deste xeito, en outubro iniciarase un ciclo de proxección de películas gañadoras e nomeadas nos Premios Feroz Arrebato nos últimos anos, destinados a aquelas obras que merecen ser recoñecidas polos seus logros específicos no apartado artístico ou pola súa innovación: Serán as seguintes:
• Venres, 4 de outubro, 18.30h - Proxección de ‘La piedad’ con Eduardo Casanova, película protagonizada por Ángela Molina, gañadora no 2022 do Premio Feroz Arrebato de ficción. Lugar: Pazo da Cultura
• Mércores, 16 de outubro, 18.30h - Proxección de ‘Samsara’ con Lois Patiño, que ao seu paso pola Berlinale 2023 alzouse co Premio Especial do xurado na sección ‘Encounters’ (ex aequo). A película foi candidata ao Premio Feroz Arrebato de No Ficción en 2024. Sesión en colaboración con Novos Cinemas. Modera Suso Novás. Lugar: Facultade de Comunicación - Sala de cine
• Mércores 23 de outubro, 18.30h - Proxección de ‘Sobre todo de noche’ con Víctor Iriarte, película protagonizada por Lola Dueñas e Ana Torrent. Gañadora do Premio Feroz Arrebato de Ficción este mesmo 2024. Lugar: Facultade de Comunicación - Sala de cine
• Mércores 30 de outubro, 18.30h - Proxección de ‘Teresa’ con Paula Ortiz, baseada no texto de Juan Mayorga (‘La lengua en pedazos’) que afonda na figura da relixiosa coma unha arma subversiva, encarnada en Blanca Portillo. A película foi candidata ao Premio Feroz Arrebato de Ficción no 2024. Modera Pedro Vallín. Lugar: Facultade de Comunicación - Sala de cine
As entradas a todas as sesións son de balde previa retirada de localidades na oficina de Turismo da Praza do Concello de Pontevedra desde sete días antes de cada actividade e até completar aforo. Repartiranse un máximo de catro entradas por persoa.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrou que Pontevedra aspira a ser “unha das capitais da cultura cinematográfica” a través dos Premios Feroz nos anos 2025 e 2026. “Levamos tempo traballando neste tema e só podemos agradecer a colaboración de todas as partes implicadas á hora de facelo posíbel. Para min é unha alegría tremenda poder acoller esta cita, unha cita que transcende á cidade. Estamos encantados”.
As actividades previas continuarán en novembro con novas convocatorias e propostas. Xa en decembro e xaneiro, tras anunciarse os nomeamentos aos Feroz 2025 e unha vez que se coñeza a personalidade distinguida co Feroz de Honra, proxectaranse algunhas das películas e series con opcións de facerse cunha figura na gala do 25 de xaneiro, e un ciclo especial dedicado ao premio honorífico desta 12a edición.
En suma, proxeccións e coloquios que van máis aló dos galardóns anuais, reafirmando a vocación dos Feroz como punto de encontro para celebrar os logros artísticos, pero tamén como espazo de reflexión coa sociedade mesma. En palabras de María Guerra, presidenta da AICE: “Somos unha asociación de xornalistas de cinema e series empeñada en poñer en contacto á cidadanía cos seus artistas. E non só aspiramos a organizar unha cerimonia de premios, senón a atraer ao público a actos e eventos que lles interpelen”.
Pola súa banda Pontevedra, co acordo establecido coa AICE, revalida a súa xenuína condición de cidade aberta ás voces dos artistas do audiovisual, que cada ano proxectan un novo imaxinario da nosa sociedade.