VENRES 21 DE MARZO ÁS 20 H. NO TEATRO PRINCIPAL
O Concello presenta o proxecto de renaturalización do río Gafos nun acto público

Pontevedra, 14 de marzo de 2025. O Concello de Pontevedra organiza o vindeiro venres, 21 de marzo, ás 20.00 horas, un acto público no Teatro Principal para a presentación do proxecto de renaturalización do río Gafos aberto a todas as entidades que desexen coñecelos e a toda a veciñanza de Pontevedra. O proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO).
O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera explicou que a presentación contará co equipo redactor do proxecto, que explicará ao público en que consistirá a renaturalización do Gafos.
César Mosquera tamén aproveitou para expoñer un avance do proxecto que estará totalmente ultimado a finais da vindeira semana. A día de hoxe, está acordado que a renaturalización do Gafos se faga unha única actuación, e non por fases.

Tamén se decidiu cambiar lixeiramente a traza do río á altura do hórreo situado en Campolongo. Neste punto, a canle do río fai un ángulo recto que coa proposta do equipo redactor se suaviza trazando unha curvatura evitando os problemas de futuras avenidas.
Diante dos centros de ensino (Campolongo e Crespo Rivas) créase unha pasarela ancha que facilitará a entrada e a saída ao colexio, e se conservará todas as plantacións realizadas na zona de tal xeito que se mantén unha árbore de gran porte.
Instálanse outras dúas pasarelas, unha delas substituíndo a ponte de Iglesias Vilarelle que se corta agás para dar servizo aos edificios. O acceso a esta rúa farase dende Alcalde Hevia cara María Victoria Moreno e Antonio Taboada Nieto.
As zonas máis abruptas cara a canle do río estarán protexidas con valados mentres que a zona cara a praza da Constitución se manterá a nivel do río.