O ACTO ORGANIZADO POLO BNG CON MOTIVO DO 75 CABODANO DA SÚA MORTE DESBORDA A BIBLIOTECA DO INSTITUTO VALLE INCLÁN

Luís Bará reivindica a vixencia de Castelao como “Manual de instrucións, caixa de ferramentas para guiarnos no presente e conquistar o futuro”

Luís Bará reivindica a vixencia de Castelao como “Manual de instrucións, caixa de ferramentas para guiarnos no presente e conquistar o futuro”

Pontevedra, 14 de marzo de 2025. No simbólico escenario do instituto Valle-Inclán, no que o propio Castelao impartíu aulas, tivo lugar o acto organizado polo BNG con motivo do 75 cabodano do seu pasamento, no que o deputado nacionalista e membro da Executiva Nacional do BNG Luís Bará abordou non só a importancia política do dirixente nacionalista na historia, senón tamén a vixencia das súas ideas para a Galiza de hoxe e para a Galiza que vén.

As ideas de Castelao, hoxe plenamente vixentes, pódense resumir nos principios do Partido Galeguista que el mesmo fundou: 

  • Galiza é unha nación e, polo tanto, ten dereito á súa autodeterminación 
  • Galiza é un país rico, confianza en nós mesmos, orgullo e autoestima
  • Defensa do país, das clases populares, da cultura e da nosa lingua 
  • Antifascismo, internacionalismo, pacifismo, anti-militarismo e republicanismo.

Bará comezou a súa intervención facendo fincapé na inmensa pegada que Castelao deixou en Pontevedra, desde a marabillosa declaración de amor á cidade que é o “meu Pontevedra” até a súa participación en iniciativas extraordinarias como a creación do Museo de Pontevedra, que alberga a maior parte do seu legado.

Dividíu Bará a súa exposición en catro grandes periodos. O primeiro de 1916 a 1931, coa creación das Irmandades da Fala e a Asemblea Nazonalista de Lugo de 1918, a formación do xornal A Nosa Terra, a revista e grupo Nós, o Seminario de Estudos Galegos, a editorial Nós, a obra artística e literaria do álbum Nós, Cousas, as viaxes por Europa ou a intensa vida social e cultural da Pontevedra do momento.

O segundo periodo, que iría de 1931 a 1936, coa proclamación da república e a fundación en Pontevedra do Partido Galeguista, no que Castelao destacou como dirixente político e deputado nas cortes do estado. Trátase dun periodo no que Galiza vive un intenso proceso de modernización e de loita polo autogoberno. A intensísima campaña a prol do Estatuto e a súa masiva aprobación polo pobo mostran o dinamismo da sociedade galega no 36. “Galiza estivo ás portas de ter un goberno propio. Imaxinades como podería ser Galiza con Castelao como  Presidente, con Bóveda como conselleiro de Facenda ou con Ernestina Otero como conselleira de Instrución Pública?”.

O terceiro periodo correspóndese a 1936-1940, co alzamento militar fascista e o exilio. Un periodo caracterizado pola represión. Anos de grande penuria e aillamento no exilio, onde Castelao utiliza a súa arte como “arma de combate” e centra os seus esforzos na aprobación polas Cortes do Estatuto aprobado en referendum.

2025-03-13 20.31.21-_DSF6460

Un cuarto periodo iría desde 1941 até a morte de Castelao o 7 de xaneiro de 1950, onde Virxina e Castelao se asentan en Buenos Aires, e desenvolven un inxente traballo político, creando a Irmandade Galega, e no que compren salientar tres grandes fitos: a unidade arredor de símbolos e conmemoracións dos mártires galegos, a constitución de Galeuzca, para manter unha unidade de acción das tres nacións (Galiza, Euskadi e Cataluña) de cara a unha previsíbel reconfiguración do estado, e a aprobación definitiva do Estatuto. Foi o periodo no que Castelao foi ministro e no que se constituíu o Consello de Galiza, como goberno galego no exilio, presidido polo propio Castelao. Un periodo no que veu luz unha obra fundamental: o sempre en Galiza. Os actos multitudinarios desenvolvidos nese periodo e o masivo funeral con honras de xefe de Estado mostran até que punto a súa figura era querida e respetada.

O deputado nacionalista non dubidou en calificar a Castelao como “a figura máis grandiosa da historia contemporánea de Galiza, equivalente a Ghandi ou a Nelson Mandela”, cunha obra inxente e polifacética que non se pode compartimentar, xa forma parte dun todo coerente.  Citando ao proprio Castelao: 

“E despois de trinta anos, trinta anos de meditación e de experiencia, atrevinme a publicar un libro no que trato de elevar a categoría de idea o que no álbum Nós era puro sentimento, e ó veren que as miñas razóns abalan a conciencia galega, daquela exáltase a miña personalidade artística, esaxerándoa, co piadoso fin de desvalorizar a miña ideoloxía política. 

Claro está que eu non fun nunca un político profesional. A política non foi nunca a miña profesión, pero si a miña vocación, a vocación de toda a miña vida. Comparade o sentimento galego dos meus primeiros debuxos coa idea galeguista do meu recente libro e veredes que son unha mesma cousa, e veredes que eu souben conservarme idéntico a min mesmo e que a miña vida moral e política é unha liña recta como a franxa azul da nosa bandeira”.

Luís Bará fixo fincapé na negación, no esquecemento, na censura, na redución ou parcelación da súa obra ou na manipulación da que é obxecto a figura de Castelao, e puxo como exemplo as Medallas Castelao, concedidas en numerosas ocasións a persoas que están nas antípodas do seu ideario ou que o perseguiron e censuraron duramente como Fraga Iribarne.

“Non é certo que Castelao sexa de todos. Castelao non é dos que o perseguiron, non é dos que o forzaron ao exilio, non é dos que masacraron aos seus compañeiros, non é dos que prohibiron as súas obras e as súas ideas, non é dos monárquicos, xa que Castelao era radicalmente republicano e nunca aceptaría unha monarquía. Castelao foi sempre un nacionalista galego de principio a fin. Con coerencia, integridade e compromiso co país”, rematou Bará.  

Luís Bará reivindica a vixencia de Castelao como “Manual de instrucións, caixa de ferramentas para guiarnos no presente e conquistar o futuro”