Finalizan as obras da Carreira dos Bolos da Pedreira, en Soutomaior

Soutomaior, 13 de marzo de 2025. O Goberno de Soutomaior vén de recibir hoxe a obra de transformación da praza da Carreira dos Bolos do barrio da Pedreira. Unha importante actuación na que o Goberno local inviste preto de 200 mil euros no rural de Soutomaior ao abeiro do Plan Concellos da Deputación Provincial.
Soutomaior aposta por un modelo de transformación urbana e rural que mellore a calidade das veciñas e veciñas. Tal e como dixo nesta xornada o alcalde, Manu Lourenzo, “en Soutomaior témolo todo para contar cun rural que fixe poboación e sexa unha referencia de calidade de vida e de mobilidade”. Ao que Lourenzo engadiu que “dende o Goberno local facemos aposta forte polo rural con proxectos como este que acabamos de finalizar, a mellora e humanización do Val Sobral, as melloras de camiños e espazos veciñais, dos campos de fútbol e cun proxecto importantísimo para a transformación do noso concello como é o ecoparque empresarial”.

Lourenzo ten claro que “Soutomaior agora mesmo funciona grazas a unha xestión económica que nos permite facer investimentos como nunca, algo que é posible grazas ao traballo man a man do Goberno co funcionariado e veciñanza do concello”.
O proxecto finalizado nesta xornada e deseñado polo estudo Cendón-Vázquez Arquitectos, trae consigo traballos na contorna da praza da Pedreira, humanizando e modernizando os espazos que a conforman. Ademais, as obras tamén cumpren o obxectivo de recuperar a esencia tradicional deste espazo no que hai décadas os veciños e veciñas do barrio xuntábanse para xogar aos bolos celtas.