O encontro As mulleres que opinan son perigosas reivindica, desde Pontevedra, o papel do xornalismo como resistencia feminista

O encontro As mulleres que opinan son perigosas reivindica, desde Pontevedra, o papel do xornalismo como resistencia feminista

Pontevedra, 13 de marzo de 2025. O encontro As mulleres que opinan son perigosas, reivindica na súa oitava edición ,o papel do xornalismo como unha resistencia feminista. 

A inauguración, ás 12.00 horas do venres 14, dará paso a dúas xornadas de análise e debate liderado por quince profesionais de diferentes perfís que amosará que este foro - iniciativa das xornalistas Susana Pedreira e Diana Varela e promovido polo Concello de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra- é “un punto de encontro necesario” para visibilizar e reivindicar o espazo que as mulleres merecen no xornalismo e nos ámbitos de poder e de opinión. 

Mulleres que opinan chega á oitava edición sendo un foro consolidado e premiado pola Delegación do Goberno nos Recoñecementos Meninas de Galicia 2024, cos que a Administración distingue o traballo de persoas e entidades galegas na loita contra a violencia machista. 

O obxectivo desta nova edición é poñer o xornalismo no centro para reivindicar, nestes tempos de des-información e sobre-información, o papel fundamental que teñen os medios de comunicación e as profesionais que exercen este oficio en prensa, radio e televisión. 

O xornalismo de investigación para destapar casos de violencia sexual e a información internacional terán un especial protagonismo nos relatorios deste 2025. 

Nas distintas palestras inclúense referentes da profesión, con longas traxectorias as súas costas, e xornalistas máis novas e polo de agora descoñecidas para o gran público, que amosan que hai futuro. Entre outras compartirán experiencias e reflexións: Noelia Adánez, Aida Bao, Anna Bosch, Olga Rodríguez ou María Escario, que porá o ramo ao encontro o sábado 15, ás 19.30 horas. 

Coas relatoras deste ano, xa serán cen as profesionais do xornalismo e da comunicación que estiveron en Pontevedra desde 2018 e forman parte da rede #MulleresQueOpinan, unha marca de referencia, compromiso e calidade no xornalismo de opinión. 

O encontro As mulleres que opinan son perigosas reivindica, desde Pontevedra, o papel do xornalismo como resistencia feminista