Lores amosa a súa preocupación perante o posíbel aumento en gasto militar e a súa repercusión na veciñanza pontevedresa

Pontevedra, 13 de marzo de 2025. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, amosou este xoves a súa preocupación perante a actualidade internacional, que cualificou como “complicada”, atendendo á axenda política do momento, cun ollo posto no aumento de gasto en defensa por parte da Unión Europea.
“Como rexedor de Pontevedra estou preocupado por esta situación, independentemente das opinións políticas que teñamos, e na que se está a falar xa de cuestións moi concretas e con datos na mesa, como os 800.000 millóns de euros que a Unión Europea quere incrementar en gasto militar nos próximos catro anos”, sinalou.
Así, e seguindo esa liña, Fernández Lores pregunta “como ese gasto se traducirá e como repercutirá nos pontevedreses e pontevedresas”. “Estamos falando dunha barbaridade de cartos. No caso do Estado español, fálase duns 100.000 millóns de euros a maiores do que xa gasta”.
O alcalde indicou que facendo unhas contas rápidas, a falta de datos concretos, é posíbel estimar que “como mínimo”, cada veciño e veciña da cidade terá que poñer uns 500 euros anualmente durante catro anos. “De onde sairán eses cartos? Ou ben cunha suba de impostos ou ben pola vía de baixar os investimentos e da redución de servizos públicos”, comentou.