A XLI edición da Semana Galega de Filosofía combaterá o nihilismo

Presentación da XLI Semna Galega de Filosofía
Presentación da XLI Semna Galega de Filosofía
A XLI edición da Semana Galega de Filosofía combaterá o nihilismo

Pontevedra, 12 de marzo de 2025. Pontevedra será de novo epicentro de reflexión, pensamento e crítica a través da XLI Semana Galega de Filosofía, que terá lugar entre o 21 e o 25 de abril. Nesta ocasión terá como tema principal o nihilismo. 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou, xunto ao Presidente e á Secretaria da Aula Castelao, Alexandre Cendón e Eva Mouriño, o primeiro adianto do programa que conformará esta cuadraséxima primeira edición. 

“Este ano estará adicada á filosofía e o nihilismo”, sinalou o rexedor. “Realmente só quero darlle ás grazas á Aula Castelao por levar tantos anos poñendo a Pontevedra no mapa da filosofía mundial, pois este é un encontro internacional, cunha altísima calidade e relevancia dentro do ámbitoo académico, mais tamén no ámbito popular”. 

Lores lembrou que durante esta semana, Pontevedra convértese nun foro referente dentro da filosofía, xa non só a nivel galego, senón a nivel europeo e mundial. “Coido que un encontro presencial sempre terá algo que as conferencias en liña non poden ofrecer, esa posibilidade de ser unha cita máis enriquecedora e participativa. Temos a sorte de ser escenario desta Semana Galega da Filosofía mañá, tarde e noite”. 

Desde a Aula Castelao, lémbrase e destácase o seu compromiso coa defensa do ensino da filosofía e do seu status académico, mais non concordamos en que fóra dese ámbito institucional esta non teña cabida. “É posíbel e necesario sacar a filosofía das aulas á rúa, facela accesíbel, partillala e sometela a discusión pública, mais tamén é preciso facer o camiño inverso, aprender filosofía nas corredoiras e nas prazas, e traducir esta a unha linguaxe con aspiracións universais. Pretendemos estabelecer un diálogo entre o pensamento do pobo e a investigación académica, tronzando as burbullas nas que se adoita recluír ambos os dous ámbitos. Concordamos con quen considera que as ideas deben baixar de cando en vez do seu mundo para pasar pola experiencia da vida do pobo, antes de elevarse novamente na súa busca de universalidade”, indican. 

Alexandre Cendón agradeceulle un ano máis á colaboración ao Concello de Pontevedra á hora de facer posible este evento. “Son xa varias décadas, e é algo importante a subliñar. É raro que estes eventos duren tanto. É algo que sempre lles sorprende aos filósofos e filósofas de todo o mundo cando veñen”, comentou. “É unha cita singular e distinta. É un congreso de filosofía aberto a toda a cidadanía, un evento popular”. 

“Este ano, a través da temática xa revelada, queremos afondar, constatar e denunciar ese estado de ánimo social e individual de falta de valores, de desesperanza e de falta de horizonte, mesmo de desacougo, e que está instalado nunha boa parte das persoas”, sinalou o presidente da Aula Castelao. “Facémolo co ánimo de denuncialo e combatelo. Non queremos este nihilismo, esta falta de sentido. Fáltanos a verdade”. 

O programa, que contará coa participación de 15 relatores e relatoras, desvelou as palestras de Néstor Kohan e de Márcia Tiburi. O primeiro abrirá esta edición o vindeiro 21 de abril; namentres a pensadora brasileira e autora de Como dialogar cun fascista falará sobre o “ridículo político”, o martes, 22 de abril. 

A XLI edición da Semana Galega de Filosofía combaterá o nihilismo