Soutomaior firma a compra de terreos na contorna dos muíños de Daión e da Casa do Concello

Soutomaior, 12 de marzo de 2025. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, firmou esta semana na notaría a documentación pola que se incorporan ao inventario municipal dúas fincas situadas na contorna dos muíños de Daión e outras dúas situadas na contorna da Casa do Concello. Un paso fundamental de cara a que o Goberno de Soutomaior avance cos proxectos para ambos os dous ámbitos: a recuperación do conxunto etnográfico dos muíños de Daión e a creación dun núcleo de centralidade a carón da Casa do Concello.
Neste sentido, o alcalde agradeceu “a disposición en todo momento dos veciños e veciñas implicadas para que o Concello poida contar canto antes con estes terreos e avanzar na transformación de ambos os dous espazos”.
O Goberno de Soutomaior ten xa desde o ano pasado sobre a mesa un proxecto para a recuperación do conxunto etnográfico dos muíños de Daión, así como a contorna do barrio da Devesa e a Xunqueira de Arcade. Ademais da recuperación da contorna dos muíños, o proxecto inclúe a incorporación de mobiliario integrado con materiais nobres, creando espazos de lecer na zona para o uso e desfrute da veciñanza.
Unha actuación na que o Goberno local ten previsto realizar un investimento aproximado de 200.000 euros e para a que leva meses traballando para a obtención de financiamento europeo, coa vista posta en que a recuperación dos muíños de Daión sexa unha realidade a mediados de 2026.
En canto á Casa do Concello, o Goberno de Soutomaior presentou o pasado mes de xaneiro un proxecto para o arranxo do salón de plenos municipal. Un proxecto que tamén recolle a creación dun núcleo de centralidade na contorna da casa consistorial, humanizando o espazo e incluíndo elementos de mobiliario urbano, como bancos e árbores, cun investimento aproximado de 240.000 euros.
O alcalde Manu Lourenzo sinalou que “seguimos avanzando na nosa folla de ruta para a transformación dos barrios do noso concello. Os muíños de Daión son un dos conxuntos etnográficos con maior valor de Soutomaior e a Casa do Concello é o punto de unión de todos os veciños e veciñas do concello. É por iso que avanzar nestas actuacións supón un importante paso para a transformación rural de Soutomaior”.