Xornada sobre consumo no IES de Caldas para que a rapazada coñeza os seus dereitos e adquira hábitos críticos e responsables

Caldas, 14 de marzo de 2025. O Concello de Caldas de Reis celebrou no IES Aquis Celenis unha xornada para que a rapazada coñeza os seus dereitos e deberes e adquira hábitos críticos e responsables sobre consumo. Segundo explica o Tenente de Alcalde Manuel Fariña, é fundamental que a xente nova manexe información axeitada para desenvolverse de maneira independente e segura e previr fraudes e estafas.
Fariña destacou que, co gallo do Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras, o Técnico responsable da Oficina Municipal de Información sobre Consumo (OMIC) e tamén Informador Xuvenil Luis Calvo Barrasa, preparou charlas e obradoiros específicos destinados á mocidade que se impartiron a diferentes cursos do instituto de ensino secundario.
“A información sobre os nosos dereitos como persoas consumidoras é a mellor arma que temos. Debemos ensinar a consumir á rapazada desde pequena e lembrarnos a nós mesmas a importancia dos nosos dereitos e os mecanismos para a nosa protección e defensa como consumidoras”, subliña Fariña, quen sinala que é fundamental poñer de relevo tamén comportamentos específicos relacionados co consumo responsable e a adquisición de hábitos críticos. “Entre outras cousas falouse da importancia de ler as etiquetas, de facer unha compra responsable e mesmo de como reclamar”, abondou o nacionalista.
Nas charlas, o técnico municipal fixo fincapé en tres aspectos principais: os dereitos que amparan ás persoas como consumidoras, a necesidade dun consumo saudable e sustentable, ademais dun uso axeitado das novas tecnoloxías, dando chaves sobre hábitos e actitudes que poden previr diferentes tipos de fraude, cada vez máis habituais na contorna dixital.