A Orquestra Sinfónica de Pontevedra reúne 2500 escolares de infantil e primaria nos concertos didácticos Mulieres Mythorum

A Orquestra Sinfónica de Pontevedra reúne 2500 escolares de infantil e primaria nos concertos didácticos Mulieres Mythorum

Perto de 2500 escolares de infantil e primaria gozaron nas mañás do martes 11 e o mércores 12 no auditorio do Pazo da Cultura cos concertos didácticos deseñados pola Orquestra Sinfónica de Pontevedra. As 4 sesións programadas acolleron rapazada procedente de 25 centros de Pontevedra e contorna. 

O concerto didáctico "In Gallaecia, mulieres mythorum!", deseñado pola Sinfónica “combina teatro e música e está destinado aos nenos/as de Educación Infantil (3, 4 e 5 anos) e Primaria (6-12 anos), e procura, mesturando a música, un videoconto feito a man e arte circense, achegar as personaxes máis relevantes da mitoloxía galega, mesturándoas con feitos históricos onde mulleres galegas desenvolveron grandes fazañas, non sempre recoñecidas, na historia do s. XX en Galiza”. 

O espectáculo contou a nivel musical cun quinteto de metal, un piano e un violín baixo a dirección de Lara González e a voz de Cristina Suárez. Como protagonistas da historia, unha avoa e unha neta, representadas por Laura Mourín e Miriam Crespo quen, xunto a Joao de Araujo, forman Asaco Circo, responsable de 4 números de circo que representan os seres mitolóxicos da historia: un zancudo en forma de olláparo, malabares con luces que dan vida á apócema da meiga, malabares con dagas que representan a Coca (dragón medieval) e pompas de xabrón que simbolizan os trasnos da Maruxaina (serea). A historia está reforzada con videoconto feito a man, con bonecas de fieltro e elementos naturais como paus, rochas, cristais etc como escenografía. 

Na unidade didáctica recibida previamente polos centros escolares asistentes, elaborada tamén pola orquestra e con actividades adaptadas a todas as idades, a rapazada traballou a un nivel máis básico para recoñecer os instrumentos e cantar as cantigas en galego que forman parte do concerto e máis fondamente para coñecer a figuras femininas como as heroínas de Sálvora, as lavandeiras de San Simón, as irmáns Touza ou a compositora galega Eugenia Osterberger. 

Tamén descubriron diferentes figuras mitolóxicas como a Coca, a Maruxaina, o Lobishome, Pepa a Loba, o Nubeiro, as meigas e os trasnos dos que realizaron debuxos que os centros enviaron previamente e que foron proxectados durante o espectáculo. 

A Orquestra Sinfónica de Pontevedra reúne 2500 escolares de infantil e primaria nos concertos didácticos Mulieres Mythorum