Soutomaior supera os 8 millóns de euros de orzamento final e mellora nun ano todos os indicadores económicos

Manu Lourenzo
Manu Lourenzo
Soutomaior supera os 8 millóns de euros de orzamento final e mellora nun ano todos os indicadores económicos

Soutomaior, 14 de marzo de 2025. 14 de marzo. Soutomaior chegou en 2024 aos 8,2 millóns de euros de orzamento definitivo, o máis alto da súa historia. Así o sinalan os informes de intervención e da secretaria municipal ao peche da liquidación de 2024, que referendan a xestión económica do Goberno de Soutomaior no primeiro ano completo de mandato. Nos últimos 12 meses, Soutomaior mellorou todos os indicadores económicos e cumpriu por primeira vez en anos as tres regras fiscais que rexen a economía dos concellos (déficit, débeda e regra de gasto).

Soutomaior levaba varios anos incorrendo en déficit orzamentario (os gastos do concello eran superiores aos ingresos), chegando aos máis de 432.000 euros negativos en 2022. Porén, a última liquidación elaborada polos servizos técnicos municipais mostra que a xestión económica do Goberno de Soutomaior desde o comezo do actual mandato reverteu esta situación. Co orzamento de 2024, o primeiro do actual Goberno local, Soutomaior saneou as súas contas e alcanzou un superávit ao peche do orzamento de máis de 70.000 euros.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “durante os últimos anos os orzamentos do Partido Popular presentaban un déficit de centos de miles de euros. En Soutomaior gastábase moito máis do que se ingresaba en moitos casos de maneira descontrolada. Cando entramos no Goberno comezamos a traballar en mellorar a situación económica, aplicando un rigoroso control de gastos e levando a cabo unha xestión económica baseada na seriedade e a responsabilidade. Só así presentamos en 2024 un orzamento que pulverizou todos os indicadores económicos e saneou as contas do concello”.

Neste sentido, o alcalde agradeceu “o traballo de todo o equipo de goberno e das traballadoras municipais para mellorar a xestión económica, que permitiu incrementar notablemente o gasto por habitante sen subir taxas nin impostos, agás aqueles que estivesen suxeitos ao imperativo legal”.

Lourenzo asegurou que “hoxe en Soutomaior os nosos veciños e veciñas contan con máis e mellores servizos, unha axenda de actividades máis ampla e máis investimentos en obras e proxectos, ao tempo que o aforro en tesourería se elevou até case os 2 millóns de euros”. “Hoxe por hoxe Soutomaior cumpre todas as regras fiscais e ten un aforro que nos permite traballar pola nosa veciñanza de maneira seria e económicamente sostible”, concluíu o alcalde.

Soutomaior supera os 8 millóns de euros de orzamento final e mellora nun ano todos os indicadores económicos