O alcalde de Soutomaior e a concelleira de Igualdade fan entrega do recoñecemento “María a das Mil Flores” a Marisol Santomé

Manu Lourenzo, Rosana Martínez Boullosa e Marisol Santomé
Manu Lourenzo, Rosana Martínez Boullosa e Marisol Santomé
O alcalde de Soutomaior e a concelleira de Igualdade fan entrega do recoñecemento “María a das Mil Flores” a Marisol Santomé

Soutomaior, 15 de marzo de 2025. O alcalde, Manu Lourenzo, e a concelleira de Igualdade e de Benestar Social, Rosana Martínez Boullosa, entregaron nun ateigado Multiúsos, o recoñecemento “María a das Mil Flores” a Marisol Santomé, matrona no centro de Saúde de Arcade dende o ano 2004 ata o 2022. 

Nun evento englobado dentro da programación do 8M que este ano, baixo o lema MATRONALIA, a campaña municipal centra o seu foco na  visibilización e recoñecemento  da figura da matrona. 

O evento comezou coa actuación da artista local Lorena Reinaldo, a continuación interveu a directora e psicóloga do CIM, Cristina García, a encargada de dar paso ao faladoiro IMPRONTAS FEMINISTAS que estivo coordinado por Paula Conde López, actual matrona de atención primaria no Centro de Saúde de Arcade, e que contou coa  participación de Xela González, de AGAM, a Asociación Galega de Matronas e da propia Marisol Santomé. Un faladoiro moi interesante onde estas tres matronas fixeron unha proxección e evolución da súa profesión, unha profesión que sen dúbida foi das primeiras feministas, posto que sempre as matronas estiveron para apoiarse, defender as mulleres e axudalas con moitos diagnósticos, pero sobre todo, no proceso de dar a luz. 

Xela, Marisol e Paula matronas protagonistas do faladoiro
Xela, Marisol e Paula matronas protagonistas do faladoiro

Tralo faladoiro chegou o momento máis emotivo onde Manu Lourenzo e Rosana Martínez Boullosa fixeron entrega do recoñecemento “María a das Mil Flores” a Marisol Santomé. Un recoñecemento que foi aprobado por maioría no Consello Municipal Feminista de Soutomaior conformado polas asociacións con mulleres do concello e polas tres forzas políticas con representación na corporación. 

A que fora matrona de Arcade durante case 20 anos, Marisol Santomé,  viu entre o público moitas caras coñecidas xa que foron moitas as mulleres que quixeron volver a reencontrarse con Marisol, unha muller que deixou pegada en centos de mulleres no concello, era moi querida e valorada. A concelleira de Igualdade quixo agradecer o papel de Marisol “por ser unha máis, polo teu acompañamento, por estar sempre con paz e calma en momentos de nerviosismo, e por axudarnos a atopar o mellor camiño da vida”. 

Marisol emocionou as e os asistentes co seu discurso que llo adicou á súa nai, que faleceu hai 15 meses, e á súa filla que estaba presente no Multiúsos, “elas o son todo na miña vida, elas e os meus tres netos, grazas por este cariño, non sabedes todo o que significa para min o cariño que hoxe estou recibindo”. 

Ao remate do acto houbo tempo para abrazos e moitas fermosas palabras de agradecemento a Marisol Santomé, unha muller que estará sempre presente na vida de milleiros de mulleres do concello.  

Obradoiros

Ademais a programación do 8M seguirá viva cos dous obradoiros que ofrece, un deles “Climatéricas” terá lugar os días 27 de marzo, 3, 10 e 24 de abril e 8 de maio no Centro de Benestar Integrado (Multiúsos). Un obradoiro de balde e cuxa inscrición en liña comezou o pasado 10 de marzo e estará aberta ata o 20 deste mes a través de www.soutomaior.gal 

No mes de maio chegará o obradoiro de “Chan Pélvico” que se desenvolverá tamén no Centro de Benestar Integrado (Multiúsos) os días 15, 22 e 29 de maio e 5 de xuño. Un obradoiro de balde cuxa inscrición terá lugar do 22 de abril ao 1 de maio a través da web do concello www.soutomaior.gal 

O alcalde de Soutomaior e a concelleira de Igualdade fan entrega do recoñecemento “María a das Mil Flores” a Marisol Santomé