Pontevedra é o maior centro xerador de emprego entre as cidades da provincia e o seu hinterland

O 17 de marzo, o Concello de Pontevedra fixo público o novo informe ‘SITUACIÓN LABORAL NO CONCELLO DE PONTEVEDRA: ANÁLISE E EVOLUCIÓN DAS AFILIACIÓNS. Comparación co seu hinterland e outras cidades da provincia’, un estudo feito por Daniel Gallego e Pedro Figueroa, desde a Asociación Pont-Up Store.
O estudo ten como obxectivo comprender o panorama laboral en Pontevedra e a súa comparativa con concellos de referencia da provincia no ano 2024 e a súa evolución respecto a 2022. Para esta labor preténdese obter e analizar información procedente tanto da Seguridade Social coma das mutuas para empregados públicos que existen no Estado: Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís do Estado (MUFACE), Mutualidade Xeral Xudicial (MUGEJU) e o Instituto Social das Forzas Armadas (ISFAS).
A edil de Promoción económica, Anabel Gulías, participou na rolda de prensa de presentación de conclusións, xunto ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o director do informe, Pedro Figueroa. “Encargamos de novo este estudo, con dous anos de diferenza fronte ao primeiro, para comprobar a evolución dos datos, uns datos que naquel momento eran realmente positivos”, indicou a concelleira. “Desde o ano 2015 este Concello fai un esforzo real de transparencia á hora de poñer sobre a mesa datos socioeconómicos nun exercicio que o converte no único municipio do seu tamaño que o fai”.

Este informe dá unha foto fixa da realidade socioeconómica do concello de Pontevedra, unha foto útil para entender e avaliar a evolución das cifras que manexa Pontevedra e a súa área de influencia.
O rexedor da cidade indicou que existen unha enorme variedade de datos puntuais e parciais que non acaban de “reflectir a situación estrutural socio-laboral da cidade”. “No pasado informe, Pontevedra xeraba 61 postos de traballo por cada cen habitantes; agora xeramos case 65 postos por cada cen habitantes. Só Vigo se aproxima a este dato con 50 postos de traballo por cada cen habitantes”.
Fernández Lores sinala que, cos datos na man, “Pontevedra é o maior centro xerador de emprego entre as cidades da provincia de Pontevedra e do seu hinterland”. “A nosa cidade amosa unha autosuficiencia no emprego do 148,31%”.
Todo isto deriva nunha estrutura socio-laboral estable, consolidada e que, ademais, amosa unha capacidade de crecemento nos vindeiros anos, tal e como aconteceu nestes dos últimos anos. Na actualidade, preto de 26.000 persoas entran en Pontevedra para traballar en empresas da cidade.