O Concello de Caldas eleva á Valedora do Pobo a reclamación da 3ª unidade de infantil no CEIP San Clemente
Caldas, 17 de setembro de 2024. O Concello de Caldas de Reis vai elevar á Valedora do Pobo unha reclamación para recuperar a terceira unidade de Educación Infantil no CEIP San Clemente. Así o confirmou o tenente de alcalde e concelleiro de Educación Manuel Fariña logo dun encontro do goberno caldense con representantes das familias, ás que chamou a “non abandonar a loita” para garantir servizos educativos dignos no rural.
A decisión do Concello de interponer a queixa ante a Valedora xorde como un novo paso tras o “continuo desprezo” da Xunta de Galiza ás reclamacións do centro educativo, da ANPA, das familias e do propio goberno local. Subliña Fariña que dende o goberno galego dirixido por Rueda estase a incumprir a propia normativa, xa que cos números de matrículas existentes no CEIP son necesarias as tres unidades de Infantil e a totalidade do profesorado asociado.
“Non valen parches nin aulas en precario. A Xunta ten que recoñecer o seu erro, porque non está a ter en conta o alumnado con necesidades especiais. Debe reabrir a unidade de Infantil e asignarlle o persoal docente que marca a lei. Non é suficiente con que o colexio ‘se apañe’ con remendos que non garanten, nin moito menos, a calidade educativa que merecen os nenos e nenas do CEIP San Clemente”, insiste Fariña.
Ademais dos novos trámites do goberno local en relación ao San Clemente, decididos tras un encontro con familias, o goberno caldense tamén se reuniu con integrantes da comunidade educativa do IES Aquis Celenis.
Dende o Concello comprometéronse novamente a apoiar totalmente as demandas do centro e das familias en relación ao profesorado (esixen dúas docentes máis) e tamén a activación inmediata das obras de reforma coa mínima afección ás clases e ao alumnado. Neste sentido, o goberno municipal emprazou ás familias a ter unha comunicación máis áxil e continuada para informalos de primeira man en todo o relativo ás obras de ampliación.