Pontevedra ponse como obxectivo dar un gran salto adiante na xestión dos residuos en 2025
Perante este compromiso, Mosquera lembrou que no ano 2018 foi asinada a Directiva (UE) 2018/851 do Parlamento Europeo e do Consello pola que se modificaba a Directiva 2008/98/CE sobre os residuos. Nesa Directiva quedaban fixadas unha serie de “metas voantes” para os anos 2020, 2025, 2030 e 2035, mais na primeira desas metas a pandemia fixo que se esvaecese o control preestablecido, polo que os obxectivos para ese ano non foron sometidos ao control que estaba previsto.
Sexa como for, a situación actual preséntase baixo o paraugas da Lei 7/2022 do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular e da Lei 6/2021. Pola banda municipal, a Ordenanza Municipal de Xestión de Residuos “está moi avanzada”, existindo tamén traballos previos para a ordenanza económica obrigatoria, ao igual que o despregue da rede de residuos orgánicos, sendo Pontevedra un dos poucos municipios que conta con ela. “Temos que poñernos as pilas para poder cumprir a acumulación de obxectivos do 2020 e chegar aos do 2025”, indicou. “Seguindo o estipulado polo marco legal, se chega algunha sanción ao redor dos residuos será asumida polos Concellos”.
“Está claro que cos residuos non podemos facer o que se vén facendo, e tampouco avanzar tan lentamente como se foi avanzando”, explicou o concelleiro, que tamén quixo afondar en tres dos obxectivos recollidos pola Lei 7/2022 coma son:
- Redución progresiva do peso dos residuos producidos, ata acadar no ano 2020 un 10 % de redución respecto dos xerados no ano 2010; e no ano 2025, un 15 %
- Incremento progresivo da cantidade de residuos municipais destinados á preparación para a reutilización e a reciclaxe para as fraccións: papel, metais, vidro, plástico, biorresiduos e outras susceptibles de ser preparadas para a re-utilización. Estes deberán alcanzar, no seu conxunto, como mínimo, o 50 % en peso no ano 2020, o 55 % no ano 2025 e o 60 % no ano 2030
Está tamén aprobado desde o pasado agosto “e que fixa ou orienta a data para estar hoxe aquí” o Plan Sectorial de Xestión de Residuos Municipais de Galiza. “Tiñamos que agardar por este instrumento pois aquí fixa unha distribución orientativa do que ten que cumprir cada Concello”, sinala o edil. “É orientativo, aporta unha idea do plantexamento do plan e da idea da Xunta de Galiza”.
Así, o Concello de Pontevedra pon sobre a mesa unha serie tamén de obxectivos para o ano 2025, como son «un gran salto adiante na xestión dos residuos», a través das tres chaves de prevención, reutilización e reciclaxe; intentar cumprir cos obxectivos marcados pola lei “ou achegarse no posíbel a eles” e reducir o impacto do “sablazo” de SOGAMA.
Para chegar a estas metas, o edil de Infraestruturas explicou que xa está en marcha un contrato para a creación dun sistema de transmisión e recollida de información para unha cuantificación “realista” da situación dos residuos en Pontevedra, o que permitirá a implantación dunha inspección planificada e sistemática. Ademais, tamén se completará a cobertura de composteiros individuais e comunitarios. Mención aparte, tal e como sinalou Mosquera, merece o novo contrato que se está tramitando desde o Concello.
O sistema de transmisión e recollida de información realizarase a través dunha asistencia técnica cuxa contratación xa está sendo tramitada, e permitirá afondar na realidade do municipio e dos produtores de residuos, obtendo cifras reais “e decentes”.
Mosquera realizou un chamamento a todas as partes e axentes implicados para que estes obxectivos sexan posíbeis: á oposición, “para aprobar as ordenanzas que sexan necesarias”; ao empresariado e colectivos de empresariais “para transmitir a información que se ofrecerá e mesmo cumprir a lei que poñen as distintas institucións”.