Domingos do Principal regresa o 20 de outubro con cinco espectáculos de altísima calidade
O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez presentou acompañado de Xacobe Rodríguez de Teatro Akatro unha nova edición do ciclo Domingos do Principal, que terán lugar entre o 20 de outubro e o 17 de novembro no Teatro Principal.
“Domingos do Principal” é a programación do Concello de Pontevedra pensada para, case, os máis pequenos da casa, ou para que os pequenos/as da casa poidan asistir ao teatro a ver unhas obras de excelente calidade. Esa calidade que teñen os espectáculos non sería posible sen a colaboración de Xacobe e Tareixa de Teatro Akatro que son quen nos asesora e axuda a seleccionar este magnífico programa. A partir do 20 de outubro e ata o 17 de novembro, en sesións ás 12h. e ás 18.30h. temos 5 obras de teatro que veñen de todo o estado: hai obras andaluzas, catalás e por suposto galegas, pensadas para que as crianzas a partir dos 4 anos (en función das obras) poidan asistir. “Poñemos un límite por abaixo pero por arriba pode asistir calquera que lle guste o teatro porque podo dicir que hai espectáculos que son dunha calidade extraordinaria”, afirmou o concelleiro de Cultura.
Haberá tamén 3 pases para escolares 21, 28 de outubro e 11 de novembro porque hai que ir creando eses novos públicos que o teatro precisa para que podamos seguir vendo enriba das táboas as marabillas que imos ver esta tempada. Están á venda en Ataquilla.com os abonos matinais ou de tarde para as 5 funcións a un prezo de 15€ e as entradas soltas para cada unha delas a un prezo de 4€. De non esgotarse na venda anticipada, estarán á venda 1h. antes do comezo de cada pase na billeteira do Teatro Principal. Os pases concertados con centros escolares de Primaria terán un custo de 2,5€.
Antes de debullar a programación, Xacobe Rodríguez quixo agradecer ao Concello “que unha vez máis confiara en nós para facer esta selección de teatro no que como ben dicía Demetrio escollemos o mellor do que se está a facer en todo o estado, non só aquí en Galiza. Como ciclo de teatro familiar que é, está orientado aos máis pequenos da casa pero tamén para os adultos, de feito falamos de espectáculos que ben poderán estar programados en Ponteatro e terían unha calidade realmente alta. Sempre dentro destes espectáculos hai varias lecturas, varios niveis de atención que permiten que a cativada saia moi contenta e as persoas adultas poidan saír emocionadas”.
Hai pezas de teatro de actor, de máscaras, xestuais, con escenografías coidadísimas e espectaculares, con moitas nominacións a premios como o caso de En un rincón del mundo ou Estación Paraíso, que ata levou ou premio na categoría de adulto. Espectáculos que percorreron toda Europa como Full House, ou de compañías Galegas como o caso de Culturactiva que achega a historia de Castelao - con texto de Paula Carballeiralleira, dirección de Fina Calleja e un elenco íntegramente feminino- ou Caramuxo Teatro que festexa 20 anos cun espectáculo con traballo de investigación sobre o comercio tradicional: a mercería a Crisálida de A Coruña. Podería ser unha película francesa, pero é teatro galego. “Traemos un pouco de todo, intentamos que os rapaces e rapazas e o público de Pontevedra siga tendo acceso ao mellor do teatro que se está facendo en todo o estado”, afirmou Xacobe Rodríguez.