INSIRESE NA PROGRAMACIÓN PARA PERSOAS MAIORES DESEÑADA POR BENESTAR SOCIAL

Bota a andar o "I Campionato de Cartas Cidade de Pontevedra"

Bota a andar o "I Campionato de Cartas Cidade de Pontevedra"

Pontevedra, 18 de setembro de 2024. Atención, memoria, estratexia, interpretación da linguaxe non verbal, astucia... son destrezas que terán que ter as/os participantes no I Campionato de Cartas “Cidade de Pontevedra” que impulsa a Concellería de Benestar Social, dirixida por Anabel Gulías, no marco da programación de maiores para o último trimestre do ano. 

As fases eliminatorias -unha por centro e seis zonais- desenvolveranse ao longo do mes de outubro nunha vintena de centros sociais do municipio: 15 do rural (un por parroquia) e 6 no casco urbano. O Pazo da Cultura acollerá a Gran Final a fin de semana do 26 e 27 de outubro. 

Os participantes terán que ser maiores de 60 anos e poderán medir a súa habilidade e fortuna en xogos tradicionais. Poderán elixir entre tres modalidades de xogos por parella: tute, brisca e escoba, e outros tantos xogos individuais: chinchón, cinquiño e sete e media. 

As inscricións están abertas, en principio, ata o vindeiro luns 23 de setembro e pódense formalizar de maneira presencial nos propios centros sociais. (Máis info no enderezo electrónico [email protected]

Co lema “Non o penses máis...canta as corenta!”, desde a Concellería de Benestar Social anímase á participación neste novidoso campionato que se incorpora á oferta de actividades a prol do envellecemento activo e a dinamización social das parroquias e barrios que impulsa o departamento municipal. 

O programa de actividades de maiores da Concellería de Benestar Social ten percorrido por diante antes de que remate o ano, conxugando actividades de éxito acreditado como os obradoiros de memoria e os de estimulacion cognitiva e prevención do Alzheimer con outras novas: é o caso do campionato de cartas, un obradoiro de recuperación da tradición oral e unha proposta en fase de definición. 

En Pontevedra viven 24.598 persoas maiores de 60 anos -14.689 mulleres e 9.909 homes-, unha cifra que supón case o 30% do censo municipal. 

Bota a andar o "I Campionato de Cartas Cidade de Pontevedra"