Caldas estrea a I edición da BTT "Caldas-Vila Termal" con perto de 200 participantes
Caldas, 18 de setmbro de 2024. Caldas acollerá este domingo 22 de setembro a primeira edición da proba ‘BTT CALDAS VILA TERMAL’ organizada polo Club Scornabiker en colaboración directa co Concello. Participarán preto de 200 ciclistas, que realizarán unha ruta circular dende o centro da vila e por pistas do monte do Xiabre, “amosando a beleza da paisaxe no municipio”, segundo destaca o tenente de alcalde Manuel Fariña.
A proba, non competitiva, terá saída ás 9.00 da mañá da Rúa Real para ‘tocar’ monte de maneira case inmediata e pasar logo polo paseo fluvial do Umia. Haberá dúas modalidades da ruta, unha curta, con 32 quilómetros de percorrido, uns 830 metros de desnivel acumulado e dificultade media-alta, e outra longa, con 45 quilómetros, 1.500 metros de desnivel e o mesmo nivel de dificultade. En ambas haberá diferentes puntos de avituallamento.
Dende o Concello, explicou Fariña, facilitaranse todas as instalacións deportivas municipais necesarias para o desenvolvemento da proba e colaborarase cos petiscos (unha pinchada final de chourizos), sorteos de material deportivo e unha noite de hotel en Caldas para dúas persoas, así como tamén algunhas sorpresas.
As inscricións, que se fixeron a través da páxina web da Federación Galega de Ciclismo, están xa pechadas, alcanzando as 200 persoas. Foi necesario ampliar o prazo debido á alta afluencia de solicitudes na última hora.
O responsable de Deportes de Caldas, Manuel Fariña, destaca que o goberno local da vila termal está a apostar por este tipo de eventos de modalidades deportivas en auxe como o BTT polo seu “tirón” tanto para poñer en valor o rural como para dinamizar o turismo deportivo. Segundo o nacionalista, hai inscrita xente de toda a comarca, pero tamén de outros puntos de Galicia, polo que supón un claro revulsivo económico para o municipio.
Caldas xa foi no mes de xuño a ‘capital’ da BTT na provincia acollendo tres etapas da recoñecida proba ‘EPIC RACE’, un dos principais eventos de ciclismo de montaña en Galicia. “Queremos seguir a ser referencia para todas e todos os deportistas”, subliña Fariña.