O Local de Música renova o seu equipamento e comeza un novo curso cheo de novidades e melloras
Pontevedra, 17 de setembro de 2024. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou o Local de Música de Pontevedra para comprobar de primeira man as melloras realizadas tanto nas súas estancias como na renovación do equipamento a utilizar polos seus usuarios e usuarias. A instalación municipal inicia así un novo curso e unha nova etapa, mantendo a aposta pola creación xuvenil e artística.
Entre as novidades máis destacadas está a actualización dos medios técnicos e a ampliación da oferta formativa, deseñada para proporcionar á mocidade novas ferramentas profesionais para o seu desenvolvemento artístico. As próximas actividades inclúen talleres de iniciación ao DJing, produción musical con Ableton, laboratorios experimentais así como actuacións en directo na propia instalación.
Neste último apartado, cómpre dicir que a sala central das instalacións foi acondicionada acusticamente para poder acoller eventos ao vivo que servirán como plataforma de salto cara novas posibilidades para as persoas que decotío utilizan os seus servizos.
O Concello de Pontevedra vén de impulsar unha transformación no Local de Música, converténdoo nun auténtico centro de creación xuvenil. Este espazo, que ata o de agora funcionaba principalmente como un lugar para ensaios, formación e eventos puntuais, evoluciona para ofrecer á mocidade do concello un trampolín onde poder desenvolver o seu talento artístico, colaborar en proxectos creativos e acceder a unha formación especializada.
Un dos piares desta transformación é a mellora dos medios técnicos. O Local equipouse con novas ferramentas e recursos que permitirán ás persoas usuarias realizar actividades de gravación, produción musical e presentacións en vivo coa tecnoloxía adecuada. Esta renovación técnica responde á demanda crecente de espazos que non só ofrezan lugares para a interpretación musical, senón que tamén permitan aos mozos aprender e desenvolver habilidades chave na creación de contido musical dixital.
Ademais, púxose unha forte énfase na ampliación da oferta de actividades, centrada na formación. Nesta nova fase, ofreceranse cursos de iniciación ao DJing, talleres de produción musical en DAW, organización de eventos e programas educativos para aqueles que xa teñen coñecementos e buscan ampliar os seus coñecementos. A estas actividades súmanse os laboratorios de experimentación musical e a creación de comunidades de aprendizaxe que fomentan a colaboración entre artistas e o uso de novas tecnoloxías.
O calendario de actividades para os próximos meses xa está definido e busca atraer a mozos e mozas creadoras novas. Entre as próximas actividades destacadas, inclúense:
- Formación en Produción Musical: curso dirixido a principiantes e avanzados, onde aprenderán a manexar un software de produción musical (Ableton).
- Cápsulas formativas sobre temas diversos relacionados coa carreira musical dos artistas: cuestóns legais, sobre instrumentos, etc. en colaboración con profesionais da contorna.
- Cursos de Iniciación ao DJing: Formación básica para mozas e mozos que desexan aprender a mesturar música cun enfoque práctico.
- Laboratorios de Música Electrónica: Espazos colaborativos onde os participantes poderán experimentar con sons, tecnoloxías e crear os seus propios proxectos musicais.
- Ensaios Xerais Abertos: Sesións de ensaio abertas ao público para bandas emerxentes, fomentando a súa visibilidade e ofrecendo as primeiras experiencias en actuacións en directo.
O Local de Música leva quince anos funcionando como un referente dentro da dinamización xuvenil e cultural da cidade, ofrecendo un espazo seguro e inclusivo onde a mocidade de Pontevedra pode aprender, crear e colaborar nun espazo profesional e dotado dun equipo de altísimo nivel.