Soutomaior comeza as obras de arranxo da estrada de acceso a Cortellas
Soutomaior, 17 de setembro de 2024. O Goberno de Soutomaior vén de anunciar que comezaron as obras para arranxar a estrada de acceso ao barrio de Cortellas desde o Val-Sobral. En concreto, o pasado mes de novembro unha parte importante do talude natural que soporta a estrada viuse abaixo nunha escorredura de terras producida polas riadas, o que obrigou ao Goberno local a cortar o tráfico para garantir a seguridade da veciñanza.
Unha vez superadas todas as trabas administrativas que tiveron paralizado o proxecto durante varios meses, o Goberno local iniciou esta obra, que consiste na construción dun muro de 14 metros de lonxitude, 5,5 metros de altura máxima e 1,2 metros de largo que estabilizará o talude natural.
O proxecto da obra foi redactado por ‘Bercal. Consultoría Ingeniería Medioambiente’ e os traballos están a ser realizados por ‘Construcións Caldevergazo S.L.’. O obxectivo agora é adiantar os prazos o máximo posible para que a veciñanza de Cortellas poida volver a circular canto antes por esta estrada, garantindo en todo momento a seguridade dos e das transeúntes.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que o Goberno local investirá 75.000 euros de fondos propios para levar a cabo esta actuación. “Desde o momento en que se produciu a escorredura puxémonos a traballar para atopar a mellor solución e agora, menos dun ano despois de que tivese lugar o sinistro, comezamos coas obras para poder reabrir a estrada”.
Neste sentido, o alcalde Manu Lourenzo agradeceu o traballo realizado polo equipo de Goberno e polas funcionarias municipais para poder levar a cabo este importante investimento de 75.000 euros menos dun ano despois de que tivese lugar o colapso do talude natural da estrada. “Foron meses de moito traballo técnico e administrativo con un duplo obxectivo: reabrir canto antes esta estrada que conecta os barrios de Cortellas e o Val-Sobral e garantir a seguridade de todas as persoas que no día a día circulan por esta estrada.