Pontesán centra a súa quinta edición nos dereitos e obrigas das persoas doentes e na educación para a saúde
Pontevedra, 16 de setembro de 2024. Medio cento de asociacións socio-sanitarias, clubs deportivos, profesionais e entidades sen ánimo de lucro e administracións participarán na nova edición de Pontesán, a Feira de Saúde e Benestar, que se celebrará en Pontevedra os próximos días 27 e 28 de setembro. O Concello de Pontevedra lidera o xa consolidado como maior evento socio-sanitario de Galicia, para o que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra e a Consellería de Sanidade.
A V Feira da Saúde e Benestar -organizada pola Concellería de Benestar Social da man do CEDDD- Galicia- porá o foco nos dereitos e obrigas das persoas doentes, así como na aposta pola educación en saúde, dúas temáticas que implican, e en ocasións enfrontan, ao mundo asociativo e sanitario. Unhas temáticas centrais que non perderán de vista os obxectivos que guían a Pontesan: sensibilizar sobre a importancia da saúde e o benestar; visibilizar as distintas discapacidades/diversidades e os retos aos que teñen por diante: promover o deporte e os hábitos saudables e reivindicar a equidade social e unha inclusión real.
Anabel Gulías sinalou a satisfacción do Concello de Pontevedra por presentar xa a quinta edición de Pontesan. “Estamos moi contentas porque Pontesan é un espazo de comunicación e de posta en común de todo o traballo que fan as asociacións do ámbito socio-sanitario en Pontevedra e Galiza, e unha moi boa oportunidade de achegarse a elas” indicou a responsable municipal da área de Benestar Social.
E ademais, engadiu: “Pontesan é visibilización e reivindicación do necesario que é ter e coidar o noso ben más prezado: un sistema sanitario forte e público, de calidade, un sistema equitativo, equilibrado e que de conta, ou intente dar conta, de todas as doenzas que podemos ter na sociedade”.
Afondando nesta idea, a concelleira Anabel Gulías subliñou o acaído da aposta de Pontesan de pór o foco sobre os dereitos das pacientes. Para acadar este obxectivo subliñou: “É importantísimo facer fincapé nos dereitos e obrigas que temos como doentes, pois para construír un sistema socio-sanitario público forte e de calidade é necesario que sexamos doentes comprometidas e exixentes ademais de coidadosas e colaboradoras da sanidade de todas e todos”.
Tamén a presidenta da CEDDD-Galicia, María Jesús Monterde, quixo pór en valor a sanidade pública e o papel que xogan as asociacións socio-sanitarias na educación en saúde, en moitos casos, unha tarefa que ten estar dirixida polas administracións públicas. “É moi importante que vaiamos todos xuntos, e neste eido Pontesan é un referente en Pontevedra, en Galiza e xa no ámbito estatal”.
Unha feira cun amplo programa de actividades.
Un amplo programa de actividades lúdico-formativas, oratorias e debates, presentación de libros e actividades físicas e deportivas complementará a feira Pontesan, na que os distintos colectivos e entidades darán a coñecer o seu traballo, recursos e servizos.
Catro espazos acollerán as distintas propostas de Pontesan. O epicentro estará na praza do Concello onde se poderá visitar a feira, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas.
Á beira, nos xardíns da Alameda instalarase a carpa multiusos na que se realizarán actividades lúdico-formativas como os obradoiros O mapa da coidados ou Ximnasia para o cerebro ou mesmo unha exhibición de danza. Aquí celebrarase tamén a mesa redonda-debate sobre Dereitos e Deberes (sábado, 23 ás 11.30 horas) na que participarán representantes de asociacións socio-sanitarias e responsables do Servizo de Atención ao paciente do Sergas. Tamén acollerá unha zona de Biblioteca, amadriñada pola escritora Fina Casalderrey, que acubillrá a presentación de varios libros.
As oratorias de Pontesan desenvolveranse no CITA (Centro de Interpretación dás Torres Arcebispais).. Abordará distintas temáticas relacionadas coa saúde e os Dereitos e deberes dos pacientes serán analizados por Jorge Cameselle Teijeriro, director do equipo de investigación oncolóxica-Adicam, Na palestra temas como: Adiccións dixitais e redes sociais, A importancia do soño; Os dereitos dos enfermos ao final da vida ou a Atención á diversidade.
Por outra banda, na avenida Montero Ríos convidarase a nenos e maiores a participar nas propostas de actividade física e de deporte adaptado no marco da aposta polo deporte como camiño de inclusión e equidade. A maiores, no eido deportivo organizaranse dúas andainas (unha nocturna e unha diúrna) e unha xornada co Dragon Boat.
Por último, durante as xornadas Pontesan instalarase unha unidade de doazón de sangue nas proximidades co seguinte horario: venres 27, de 9.30 a 14.30 horas e de 15.30 a 21.00. E o sábado 28 , de 10.00 a 15.00 horas.
A concelleira agradeceu ASSEII, unha das asociacións do terceiro sector máis activa da cidade, o seu traballo “de acompañamento, de pór recursos ao servizo dos enfermos/as e de reivindicación, tan necesaria para reforzar o sistema público de saúde”. Anabel Gulías puxo o foco nunha labor que “dá resposta e apoio cando se diagnostica unha enfermidade, neste caso unha EII, que nos diferencia dos demais, que é un ataque á liña de flotación da vida” .
Enfermidades inflamatorias en Pediatría, alimentación, protocolos de urxencias sanitarias e enfermidade crónica e de atención domiciliaria para alumnado con EII, investigación xenética e a cronicidade da enfermidade inflamatoria intestinal son os temas que se abordarán nunha intensa sesión de traballo que se estenderá de 9.30 a 13.45 horas.
Desta relación de temas a presidenta de ASSEII, Ánxela Paz, destacou “a importancia de visibilizar as patoloxías infantís e a necesidade dun plan de atención integral para os menores con enfermidade inflamatoria intestinal“ que acelere o diagnóstico e dea soporte ás distintas necesidades.