Adxudicada a renovación das caldeiras nos campos de fútbol municipais de Soutomaior
Soutomaior, 16 de setembro de 2024. O Concello de Soutomaior vén de adxudicar a substitución das caldeiras de gasoil dos campos municipais de fútbol Graciano Padín e Salgueirón por un sistema de aerotermia máis eficiente a nivel enerxético e que traerá consigo un importante aforro económico ás arcas municipais, xa que se eliminará o consumo de gasoil nestas instalacións deportivas.
Este investimento levarase a cabo grazas a que o Goberno de Soutomaior conseguiu unha subvención de máis de 55.000 euros procedente do Fondo de Cooperación Local, á que poden optar aqueles concellos cunha poboación inferior a 15.000 habitantes. O proxecto do Goberno de Soutomaior ten previsto a actuación en dous vestiarios do campo de Salgueirón e nun vestiario do campo Graciano Padín.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “con este investimento do Goberno local nos campos de fútbol do concello seguimos avanzando na mellora da eficiencia enerxética nas instalacións municipais”. Neste sentido, o rexedor lembrou outras actuacións nesta liña, como a instalación dun novo sistema de ventilación no Multiusos de Arcade, moito máis eficiente que o antigo sistema, obsoleto e que levaba máis de 10 anos sen funcionar ben, provocando un sobrecusto ás arcas municipais.
O alcalde tamén sinalou que este investimento de máis de 55.000 euros súmase ás obras de mellora de acceso ao campo de fútbol Graciano Padín e de varias instalacións do campo. Esta actuación estase a levar a cabo cun investimento de 60.000 euros, froito dunha subvención obtida polo Goberno de Soutomaior ao abeiro do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación Provincial.
Manu Lourenzo subiñou que “todas estas actuacións teñen por obxectivo beneficiar aos centos de persoas que fan uso destes campos, entre xogadores, xogadoras e familias. Tanto o CD Soutomaior como o CD Arcade exercen unha importante labor formativa coa nosa rapazada, e o Goberno de Soutomaior aposta claramente por dotar coas mellores infraestruturas as instalacións deportivas municipais”.