As Escolas Deportivas Municipais de Pontevedra abren o seu periodo de inscrición

Anabel
Anabel-escolas deportivas
As Escolas Deportivas Municipais de Pontevedra abren o seu periodo de inscrición

Pontevedra, 16 de setembro de 2024. A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, informou que o luns 16 de setembro, deu comezo o período de inscricións para as Escolas Deportivas Municipais. “As crianzas pontevedresas terán 123 convocatorias nas que participar, dito doutro xeito: 123 opcións para apuntarse nas distintas modalidades deportivas”, explicou a edil. “Trampolín, fútbol, baloncesto, atletismo... En total falamos de máis de 2.500 prazas para os nenos e nenas da cidade”. 

Tal e como lembrou Gulías, as Escolas Deportivas Municipais están destinadas as crianzas de entre 4 e 14 anos. É posíbel consultar a listaxe completa de actividades, así como toda a información necesaria para a inscrición na seguinte ligazón https://deportes.pontevedra.gal/listaxe-escolas- deportivas/. 

“O deporte é fundamental para esta cidade e para este Concello”, sinalou a edil. “Falamos do deporte como un método de socialización e que permite traballar os valores colectivos, que ensina a traballar en equipo e debe ser un eixo fundamental para a política de cara ao cidadán”. 

A maioría das actividades serán desenvoltas en equipamentos municipais ao longo da semana, mais algunha tamén pode suceder os sábados polas mañás. As inscricións continúan a ser xestionadas directamente polos 37 clubs participantes, un feito que procura facilitar “moitísimo” o traballo ao servizo de Deportes. 

O Concello de Pontevedra destinará un total de 205.000 euros para poñer en marcha este programa, subvencionando a inscrición das actividades, tendo os titores que aportar unha cifra que se move entre os 50 e os 70 euros. 

As Escolas Deportivas Municipais de Pontevedra abren o seu periodo de inscrición