O BNG leva ao parlamento as demandas da comunidade educativa do CEIP A Xunqueira 2
Diante da denuncia da comunidade educativa do CEIP A Xunqueira II, no que a Consellaría de Educación non atendeu unha demanda de desdobramento dunha aula con 24 nenas e nenos nas que 3 teñen necesidades educativas especiais, o BNG rexistrou no Parlamento galego unha batería de iniciativas coas que se pretende dar unha resposta axeitada a esta situación.
Luis Bará, deputado do BNG por Pontevedra, calificou de “exemplo de racanaría e insensibilidade a actitude da administración educativa do PP, que fai unha interpretación burocrática e restritiva da normativa de rateos e desdobramentos”. Bará considera lamentable “que a Xunta trate a nenas e nenos de 4 anos como números e non como persoas que teñen situacións e necesidades de atención específica e diferenciada”.
O deputado nacionalista calificou de “parche que non resolve o problema” o anuncio por parte da Xunta da asignación ao centro dunha docente a media xornada
Para Luís Bará “Esta claro que estamos diante dun parche que non resolve a demanda, xa que esta docente só estaría nunha parte da xornada, e non porque estea compartido con outro centro: sería contratado pola Xunta a media xornada e logo marcharía para a casa”.
Para o BNG é absolutamente incongruente esta solución proposta pola consellaría, tendo en conta que existe unha aula libre e sería moi doado aproveitala desdobrando o grupo de 5º en dous grupos de 12 con unha mestra/e a tempo completo para cada grupo.
Por estes motivos, o BNG trasladou ao Parlamento a demanda da comunidade educativa do centro mediante unha iniciativa na que pide que se dote o centro con un mestre/a con horario completo para poder facer o desdobramento da aula de 5º de educación infantil.