Luís Bará tacha a Rueda de “grande valedor” dos intereses de Ence no Consello da Xunta

Luís Bará tacha a Rueda de “grande valedor” dos intereses de Ence no Consello da Xunta

“Rueda é o grande valedor dos intereses de Ence. É o delegado de Ence no Consello da Xunta”. Así de contundente amosouse o deputado nacionalista Luís Bará na súa comparecencia sobre o inicio do curso parlamentar para a comarca de Pontevedra, no que o tema central foi a denuncia da connivencia entre o PP e Ence. 

O nacionalista sostén que o nomeamento da nova directora xeral de Calidade Ambiental -parella do director de Ence para Galiza- é o “peche do círculo” e o último movemento da complicidade do presidente da Xunta coa pasteira, advertindo de que, a futuro, Rueda está a preparar o terreo para a aterraxe de Ence no Pazo de Lourizán coa intención de privatizar a finca e poñela nas mans das grandes empresas do lobi pasteiro. 

Amosando unha fotografía de 2016 na que se vía a Alfonso Rueda coa ex conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato e responsables de Ence en Galicia, Bará explicou que está demostrado que Rueda leva xa anos “apadriñando o pacto Ence-Xunta de Galiza”. 

Lembrou que en 2015-2016 a Xunta emitiu informe para a prórroga en Lourizán a pesares do Plan do Litoral, que segue a ocultar o Pacto ambiental entre a Xunta e Ence a cambio da prórroga (sen facilitar a documentación dos investimentos previstos a pesares das reiteradas peticións), e que intenta blanquear a pasteira coa súa entrada na ‘Alianza Galega polo Clima’, o que subliñou é un “claro exemplo do que hoxe se chama ‘greenwashing’”.

Como engadido “escandaloso” a todos estes movementos, Bará destacou que o último exemplo da ‘valedoría’ de Rueda para con Ence é o nomeamento da nova directora xeral de Calidade Ambiental María José Echevarría, parella do director territorial de Ence para Galicia, Antonio Casal, algo que cualificou de “exemplo de libro” de incompatibilidade e conflito de intereses. 

O deputado afirma que o designación da nova directora de Calidade Ambiental é o “peche do círculo” da connivencia do presidente da Xunta coa pasteira e anuncia iniciativas parlamentarias para a anulación do “escandaloso” nomeamento

O nacionalista subliñou que a nova responsable terá que intervir en numerosas cuestións relacionadas con Ence, como a autorización ambiental integrada, o proxecto sectorial para unha posible ampliación do proxecto de As Pontes, o control da contaminación e posibles expedientes sancionadores, así como noutros temas do sector no que actúa a pasteira. 

Bará destacou que a denuncia do BNG non se produce por “ser a muller de”, cualificando de “torticeiras” as acusacións do PP falando de machismo, senón pola relación de parentesco directo. Insistiu en que daría igual que fose home ou muller, irmá ou tivese calquera tipo de relación estreita. “Non cuestionamos a valía como funcionaria. Até agora era xefa territorial de Cultura. Cuestionamos un nomeamento político e un conflito de interese como a copa dun eucalipto”, salientou, asegurando que o BNG presentará diferentes iniciativas parlamentarias solicitando a anulación do nomeamento. 

Así mesmo, o deputado saleinta que Echeverría será “clave” na toma de decisións sobre o futuro do Pazo de Lourizán e puxo sobre aviso de que Rueda está a preparar a aterraxe de Ence no Pazo, algo que xa intentara anos atrás. Anunciou que se está a producir un desmantelamento do Centro de Investigacións Forestais coa redución de persoal, a non cobertura de vacantes e a fuga de persoal cualificado coa eliminación de liñas de investigación, ademais da integración do Centro no ‘Xera’, a Axencia da industria forestal. “Está en marcha un proceso de privatización da finca de Lourizán para poñela nas mans das grandes empresas do lobi pasteiro”, insistiu. 

Servizos públicos, reactivación económica, infraestruturas e medio ambiente    


Bará fixo estas declaracións na presentación do curso político do BNG en relación á comarca de Pontevedra. Ademais do tema central de Ence, o nacionalista subliñou que o outono virá marcado polo traballo comarcal do BNG para establecer alternativas aos orzamentos da Xunta. 

Engadiu que se presentarán iniciativas para a mellora da rede viaria (vial do Vao e Variante de Alba, PO-308, e actuacións de seguranza); relativas ao ciclo da auga nos ríos e as rías, esixindo saneamento e depuración para as rías de Pontevedra e Vigo, así como para o Umia e o Ulla, agora ameazado por Altri; a dragaxe do Lérez; a eliminación do taxazo de Sogama e a posta en marcha dun sistema alternativo de xestión de residuos; así como a protección do territorio e dos espazos naturais “fronte a avalancha de proxectos de espolio e depredación coa eólica terrestre e mariña e a minaría, asediando lugares como a Fracha, o Morrazo, o Castrove, o Acival ou o Suído”, entre outros. 

Por outra banda Bará dixo que o BNG está vixiante ante os anuncios do PP na última campaña electoral das ampliacións do Campiño e Fragamoreira. Indicou que a ampliación do solo empresarial é unha prioridade necesaria para o impulso industrial. Salientou que o grupo nacionalista traballará para impulsar sectores económicos en crise como o pesqueiro, fundamentalmente o marisqueo, polos problemas nos últimos meses, e destacou que esixirá un novo modelo enerxético, subliñando a necesidade de “non fiar todo aos servizos, abrindo un debate sobre o modelo turístico e os seus efectos”. 

Os servizos públicos foron outro dos ámbitos nos que subliñou que o BNG dará a batalla, centrándose na súa mellora, “fronte aos recortes e a privatización e a inacción do PP” na sanidade, educación, benestar social e vivenda. Fixo en concreto mención á necesaria atención das demandas da comunidade educativa no inicio do curso escolar, así como ao deterioro da sanidade pública, o futuro do Hospital Provincial, a dependencia ou ás políticas de vivenda “fronte á maquillaxe da Xunta, hai que ver o impacto da vivenda turística”, salientou. 

Como contexto xeral, Bará destacou que as prioridades do BNG no novo curso político serán de control do goberno facendo unha oposición “seria, firme, esixente, e contundente”, cun seguimento rigoroso da contratación pública nas diferentes áreas; propoñendo unha alternativa de goberno con cada crítica, creando un proxecto de país transformador para mellorar a vida das persoas; e defendendo os intereses de Galiza non só no Parlamento, senón levando a Madrid e Bruxela os grandes “temas de país”. 

Luís Bará tacha a Rueda de “grande valedor” dos intereses de Ence no Consello da Xunta