Mosquera chama á Deputación a reimpulsar o Revitaliza e á Xunta a replantexar a súa política de residuos para potenciar a reciclaxe
O BNG chamou ao goberno da Deputación a reimpulsar o Plan Revitaliza posto en marcha polo anterior goberno bipartito e á Xunta de Galicia adoptar a senda das políticas de residuos baseadas na reciclaxe para evitar sancións serias da Unión Europea. O voceiro César Mosquera subliñou que o goberno galego debe asumir agora o 100% do taxazo de Sogama porque, lonxe de traballar e avanzar nos últimos anos segundo as indicacións europeas de impulsar a prevención, a reutilización e a reciclaxe, foi na dinámica contraria e non axudou a que a repercusión aos concellos fose limitada.
Mosquera lembrou que no ano 2008 aprobouse unha directiva marco de residuos na UE que foi trasposta na lei 22/2011 no Estado español que xa advertía claramente da aplicación dun canon a vertedoiros e incineración como primeira medida para fomentar a reciclaxe. Criticou que na directiva europea de 2018 –que comezou a negociarse en 2014- tamén se advertía de que era preciso eliminar as subvencións aos tratamentos que foran en contra da prevención, reutilización e reciclaxe.
Non obstante, dixo, en lugar de avanzar nas políticas de residuos seguindo as indicacións europeas e preparar todo para que cando chegase a aplicación do canon os concellos xa reciclasen e a repercusión fora máis baixa, en 2019 a Xunta baixou o canon e non aplicou ningún tipo de medida de acompañamento para os municipios, desincentivando así aos concellos a traballar en pro da reciclaxe.
“Ao final sucede que vén este palitroque -a subida de Sogama- nunha forma que incluso o presidente Rueda tivo que volverse atrás despois de defendelo con ‘ahínco’ porque non é asumible subir esa porcentaxe aos concellos. (...).A situación fóiselle das mans. Andamos xogando con baixar e subir o canon, e ofrecer que mandar a Sogama é máis barato, cando non é a solución. Iso non ten saída. A única saída é separar máis e reciclar máis e mandar menos a incinerar. Xa o sabiamos dende hai moito”, subliñou.
Para o BNG, é fundamental que o goberno galego reconsidere tanto o ‘taxazo’ como a súa política xeral de residuos. “Debían replantexar aquí na Deputación se impulsan o Revitaliza para dar o seguinte paso, e non que siga vexetando malamente (...).Agora eliminemos esas subidas e replantexémonos seriamente a situación, porque van vir os palitroques, as sancións da Unión Europea e non van ser unha ‘coña’”, advertiu.
Por outro lado, ademais de poñer sobre a mesa todas as directivas europeas ao respecto dos residuos, Mosquera botou por terra a argumentación do PP de que a subida se debe “a un imposto aprobado por Pedro Sánchez para os residuos”. Destacou que a postura do PP no Congreso e no Senado na tramitación do canon de verquido e incineración, o PP abstívose coa argumentación de que a lei chegaba tarde. “No único no que cargou a man o PP foi no imposto aos plásticos. Nin citou o canon para nada. E agora de repente a gran argumentación é dicir que Pedro Sánchez saca iso cando é unha lei aprobada hai máis de dous anos. Sexan coherentes”, pediu aos ‘populares’, ao tempo que subliñou que se outros estados da UE non aplican o canon débese a que xa andan preto de cumprir os obxectivos de reciclaxe, “non cerca da metade como o Estado español”.
Hospital Álvaro Cunqueiro e AVE Vigo-Porto-Lisboa
Por outra parte, o BNG votou a favor da moción na que se reclamou o impulso da liña de alta velocidade ferroviaria Vigo-Porto-Lisboa. Indicou Mosquera que “se alguén deu a batalla e pulou pola mellora do tren en Galiza” e incluso a declarou prioritaria en todas as institucións -entidades locais, Parlamento, Congreso e Senado- foi a formación nacionalista. “Se vén esta moción, veña do PP ou de quen sexa, imos votar a favor porque temos o noso posicionamento dende hai tempo, incluso dende cando o tren parecía que era de segunda categoría, pero nós pensabamos que era fundamental para vertebrar o país”.
O grupo nacionalista, na liña da solicitude da comisión de investigación rexistrada hoxe no Parlamento, tamén votou a favor da petición de explicacións a Alfonso Rueda e a Núñez Feijóo polas irregularidades recollidas no informe do Consello de Contas sobre o Hospital Álvaro Cunqueiro.