Caldas en alerta máxima ante o anuncio do PP de que a Xunta eliminará máis unidades no CEIP San Clemente
En “alerta máxima”. Así rematou onte o goberno de Caldas de Reis o pleno extraordinario para reclamar á Xunta a recuperación da terceira unidade de Educación Infantil no CEIP San Clemente. O motivo da “máxima preocupación” do bipartito caldense foi que o grupo municipal do Partido Popular, facendo de voceiro da Xunta de Galicia, adiantou que nos vindeiros anos, “non contentos con eliminar a unidade suprimida este ano, a Consellería de Educación pechará aínda máis unidades no colexio”.
Tanto os responsables socialistas como o nacionalista Manuel Fariña, responsable municipal de Educación, puxeron “os ollos en branco” ante esta nova amenaza do PP, que publicamente recoñeceu que a medio prazo será necesario volver “reconfigurar o sistema” e ‘borrar’ aulas que aínda existen nestes momentos.
“Estamos atónitos”, manifestou Fariña, quen subliñou que ante este ‘globo sonda’ para os próximos exercicios aínda é necesario “facer máis forza” para defender a recuperación da terceira unidade de Infantil deste ano con todo o seu profesorado asociado. “É un atropelo continuo. Lonxe de solucionar os recortes na educación pública do concello caldense, se agora cedemos nas nosas demandas a situación vaise agravar aínda máis. Estamos a perder servizos no rural. Só chegan recortes. Ao único que se dedica a Xunta é a facer propaganda en lugar de dar bos servizos”, critica Fariña.
Dende o goberno local insisten en que os números, segundo a normativa vixente, dan para manter as tres unidades de Infantil no CEIP San Clemente, xa que hai 29 matrículas a efectos de cómputo, por ter alumnado con necesidades especificas de atención educativa. “Diante desta situación parece evidente que algún responsable da Xunta se trabucou botando as contas, porque non se dan as circunstancias para eliminar unhaunidade, (...) polo que debería ser a propia administración educativa a que deberá retractarse deste erro a través do Diario Oficial de Galicia” antes de que comece o curso escolar.
O bipartito sinala que o CEIP San Clemente comezará o ciclo de Infantil “en precario”. Destacan que ante as queixas públicas de onte pola falta de movementos reais para atallar o problema creado, a Xunta publica hoxefinalmente a vacante anunciada do profesor de apoio do Plan Mera.
A intención da dirección do San Clemente, advirten, é utilizar a nova persoa docente de apoio como profesor titular de Infantil e así, de maneira ‘anómala’ manter unhaterceira aula sen o número de docentes obrigados por lei. “Esa solución é unha solución en precario, un parche, e dista moito do que nós e as familias pedimos e do que arapazada necesita. Non podemos aceptar e tragar”, salientao nacionalista, que explica que cada tres unidades de infantil deben ter catro docentes.
O goberno local de Caldas subliña que a situación no San Clemente é grave de maneira xeral no centro: fronte aos 17 docentes do pasado curso, o CEIP dispón este anoacadémico de apenas 14, dos que tres son compartidos con outros colexios e outro traballa a media xornada. “Esta situación únese a que o profesorado pasa de ter de 25 a 23 horas lectivas”, explica Fariña, que cuestiona “con que calidade educativa está deixando a Xunta a Caldas de Reis”.