O concello de Soutomaior restaura en menos de 24 horas a escultura en homenaxe a Bernardo Seoane
O Goberno de Soutomaior restaurou en menos de 24 horas a peza cedida polo escultor e artista local Bernardo Seoane, que sufriu un acto de vandalismo o pasado luns. Desde o momento en que tivo coñecemento, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, xestionou todo o proceso de arranxo para que a escultura estivese restaurada o antes posible.
En concreto, a peza, cuxo nome é ‘O camiño das estrelas’, atópase ao remate do paseo marítimo de Arcade, ao carón da ponte romana de Ponte Sampaio, e foi presentada o pasado mes de abril cnun acto no que tamén se proxectou un documental sobre a vida e obra de Bernardo Seoane, realizado polo documentalista Breikus. O escultor faleceu un tempo despois froito dunha enfermidade que levaba tempo aqueixando, pero a súa escultura quedou para sempre no paseo marítimo de Arcade como lembranza do inmenso amor que Bernardo sentía polo fondo da ría de Vigo e pola arte.
Neste sentido, o alcalde Manu Lourenzo sinalou que “de verdade que hai cousas que non son doadas de entender”, en relación ao acto vandálico que sufriu a escultura doada por Bernardo Seoane. Unha vez arranxada a peza, Manu Lourenzo prefiriu quedarse coa fonda pegada que este ilustre veciño deixou no noso concello. “Non se pode entender o Soutomaior de hoxe sen ter presente a importancia de Bernardo para a nosa cultura popular. Milleiros de veciños e veciñas de Soutomaior e de Ponte Sampaio temos desfrutado coas súas esculturas ao paso pola ponte”, concluíu Manu Lourenzo.