Soutomaior moderniza o sistema de reservas nas pistas municipais de padel e tenis
O Goberno de Soutomaior vén de anunciar que a partir do 1 de outubro entrará en funcionamento unha nova aplicación máis moderna e accesible para a reserva de pistas municipais de padel e tenis. A nova ferramenta suporá unha mellora notable para as persoas usuarias en termos de rapidez e facilidade para adquirir os bonos para o uso das pistas de padel e tenis.
Ata o de agora, as persoas interesadas en facer uso das pistas municipais de padel e tenis tiñan que facer parte do proceso de maneira presencial no Pavillón da Montesiña ‘Alfonso Pazos’. Con esta nova aplicación, todo ese trámite axilizarase e, con crear un usuario e un contrasinal xa se terá acceso. Na aplicación xestionarase directamente tanto o acceso ás pistas como o uso dos focos no caso de ser necesario, sendo un proceso moito máis fácil para as persoas usuarias e que liberará de carga administrativa ás técnicas municipais de deportes.
Tamén se axiliza o sistema para acceder ás pistas, xa que non fará falta contar cunhas chaves. A persoa que teña a reserva no seu móbil simplemente deberá achegar o teléfono ao peche electromagnético e este abrirase automaticamente. Este novo peche tamén conta cun mecanismo de seguridade en caso de perda da corrente eléctrica polo cal a porta de acceso a pista se poderá abrir desde dentro de maneira manual.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “levamos a cabo este investimento por parte do Goberno local porque é necesario poñer as infraestruturas de padel e tenis ao nivel dos e das deportistas do noso municipio”. “O noso concello conta con dous clubes de padel e acolle campionatos nos que compiten xogadores e xogadoras de toda Galiza, polo que contar cunhas infraestruturas de boa calidade fai que Soutomaior potencie a súa imaxe de referente a nivel deportivo”.
O alcalde tamén sinalou que este investimento súmase a outras actuacións do Goberno de Soutomaior para potenciar o deporte local e o padel en particular. Manu Lourenzo subliñou que, por exemplo, “aumentamos as contías das axudas aos clubes e asociacións deportivasporque no Goberno local temos claro a gran función formativa e de fomento do deporte que desenvolven estes clubes e asociacións”.