Soutomaior comeza a 1ª fase de arranxo e mellora dos parques infantís, para facelos máis seguros e inclusivos
O Goberno de Soutomaior está a levar a cabo os traballos da primeira fase de recuperación dos parques infantís municipais. Este proxecto levarase a cabo grazas a unha subvención de 45.000 euros conseguida polo Goberno de Soutomaior, procedente do Plan +Provincias da Deputación de Pontevedra. Nesta primeira fase actuarase nos parques infantís municipais do Peirao, da Feira, da Devesa, da Veiguiña Longa, de Aranza, de Moreira e da Lamela.
Desde o comezo do mandato, o Goberno de Soutomaior está a traballar na recuperación dos parques infantís do noso concello. O Goberno Local fixo unha exhaustiva auditoría destas zonas de xogo co obxectivo de coñecer de maneira exacta os danos que sofre cada parque e deseñar as actuacións máis axeitadas para cada un deles.
Unha vez feita, o Goberno de Soutomaior preparou o proxecto co que conseguiu a subvención do Plan +Provincias. A restauración de cada parque infantil desta primeira fase farase de maneira gradual, retirando e reparando os xogos aos poucos para que a rapazada poida seguir acudindo a estes parques.
Soutomaior fomentará a inclusivade dos parques infantís, facéndoos aptos para calquera neno ou nena
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que que “os dezaoito parques infantís cos que contamos no noso concello levan anos nun estado de deterioro inadmisible, polo que urxía ir actuando naquelas zonas que teñen maiores usuarios. O Goberno de Soutomaior traballa desde o comezo do mandato para levar a cabo estas actuacións no menor tempo posible. Trátase de preservar a seguridade das nenas e nenos e de mellorar as instalacións para que poidan xogar e desfrutar. Con este proxecto, o Goberno de Soutomaior comezará a corrixir todas estas deficiencias”.
Ademais, O Goberno de Soutomaior fomentará, a través deste proxecto de recuperación dos parques infantís, a inclusividade nestes espazos recreativos, adaptándoos para que calquera neno ou nena, sexa cal sexa a súa diversidade funcional, poida desfrutar de maneira autónoma neles.