Soutomaior aborda con urxencia e seriedade o arranxo dunha vertedura na rúa Roxelio Landeiro
O Goberno de Soutomaior vén de solucionar unha vertedura de residuos na rede de separativas de pluviais e fecais da Rúa Roxelio Landeiro, no cruce co rúa Fonte do Conde. Esta actuación enmarcase no Plan Ría Viva, presentado polo alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, o pasado mes de xullo, e que ten por obxectivo subsanar as deficiencias da caótica rede de separativas municipal.
A rede de separativas de Soutomaior presenta numerosos problemas desde o momento mesmo da súa construción e que se foron agravando ao longo das décadas pola falta de mantementos e unha correcta planificación. Esta mestura en numerosos puntos do seu entramado as augas pluviais e fecais, provocando verteduras contaminantes á ría de Vigo e a saturación da estación depuradora de Arcade, especialmente cando se producen episodios de choiva forte e abundante.
O Plan Ría Viva é a contundente resposta do Goberno de Soutomaior ao modelo de saneamento caótico que durante moitos anos se levou a cabo no noso concello e que agora está a provocar situacións que o Goberno local está a abordar con urxencia e seriedade
En concreto, os traballos que estes día se levaron a cabo para corrixir a vertedura detectada na Rúa Roxelio Landeiro encádranse na segunda fase do Plan Ría Viva. Mentres que na primeira fase leváronse a cabo obras no tramo que vai da Alameda de Talo Río ata Cagazó, nesta nova fase actuarase nun segundo tramo que abrangue dende a rúa Roxelio Landeiro ate Ponte Sampaio.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “agora mesmo a situación da rede de saneamento supón un dos principais retos que ten o concello de Soutomaior por diante na vindeira década”. O alcalde solicitou colaboración ás diferentes administracións, como a Xunta de Galiza ou o Ministerio de Fomento, para seguir avanzando no Plan Ría Viva. “É urxente poñerlle solución ao saneamento caótico que temos en Soutomaior desde hai décadas, e iso esixirá dos esforzos e achegas de todos".
Neste sentido, o alcalde Manu Lourenzo reivindicou a importancia de evitar as verteduras na Ría de Vigo, “un dos grandes tesouros da nosa contorna”. “O Plan Ría Viva é a contundente resposta do Goberno de Soutomaior ao modelo de saneamento caótico que durante moitos anos se levou a cabo no noso concello e que agora está a provocar situacións que o Goberno local está a abordar con urxencia e seriedade”.