O Concello de Caldas insta a Educación a substituír urxentemente a fontanería interior do CPI Alfonso VII
Caldas, o de outubro de 2024. O Concello de Caldas vén de solicitar á Delegación Territorial e directamente á Consellería de Educación que substitúa de maneira completa e urxente a fontanería interior do CPI Alfonso VII. O Tenente de Alcalde Manuel Fariña remitiu sendas cartas ao goberno galego para que, dunha vez, solucione as deficiencias que leva padecendo o centro de ensino dende hai anos. Sostén o nacionalista que a situación non se pode prolongar máis posto que o mantemento das tubaxes resulta xa de todo ineficaz e necesítanse obras de renovación estruturais: “Por moito que queiramos facer dende o Concello, arranxamos nun sitio e, ao pouco, rompe noutro”.
A petición do responsable de Educación da vila termal xorde nun momento no que o Concello está a xestionar un novo “parche” nas canalizacións. Hai uns días produciuse unha fuga e os baños do centro de ensino están pechados e non se poden usar. “A brigada municipal vai intentar facer un novo apaño, pero non é sinxelo porque de novo hai que romper a placa: non só é cortar e soldar”, subliñou o nacionalista, quen asegurou que “dende o Concello estamos a meter cartos en reparacións que sabemos non van servir nin no curto prazo”.
A situación, segundo Fariña, vén de lonxe. Nos últimos anos xa se deu traslado das deficiencias á Xunta tanto por parte do Concello como da comunidade educativa, incluso con varios informes dos técnicos municipais. “A Xunta é consciente de que existe o problema e que esixe unha renovación completa que excede do que é o mantemento que debe realizar o Concello”, subliña o concelleiro, quen destaca que a instalación é moi antiga: “son instalacións que nunca se renovaron, de ferro, moi propensas a obstruírse e corroerse, e que hai anos esgotaron a súa vida útil”.
Sostén Fariña que o alumnado é quen está a sufrir as deficiencias, polo que nas cartas enviadas ao goberno galego insta á Xunta a facerse cargo da renovación canto antes. “Cada un ten que facer os seus deberes”, subliña.
Manuel Fariña reclama lealdade institucional
O Tenente de Alcalde quixo aproveitar a solicitude das obras no Alfonso VII á Consellería de Educación para facer referencia tamén á situación do IES Aquis Celenis e pedir “altura de miras” en beneficio das veciñas e veciños de Caldas de Reis. Destacou que é necesario que as dúas administracións traballen en conxunto para “sacar as obras adiante” en lugar de liarse en “polémicas estériles”.
Insiste o responsable municipal que é fundamental o diálogo fluído para que a ampliación do instituto sexa unha realidade canto antes. Subliñou que foi “un feo” que, xusto o día despois de que o Concello solicitara a reunión da comisión de seguimento do convenio para falar, o director territorial, Pérez Ares, visitara Caldas para un encontro técnico sobre as obras “e nin tan sequera chamase ao goberno local”.
“Como ben di a Xunta, nós queremos manter os principios de confianza lexítima, boa fe e lealdade institucional. Aquí estamos para o que se precise. Cada vez que se nos chame atenderemos e agardamos ter o mesmo trato”, finalizou Fariña.