O BNG reclama a terceira unidade de infantil para o CEIP de Caldas
Caldas, 6 de setembro de 2024. O Tenente de Alcalde de Caldas Manuel Fariña fixo unha chamada a non aceptar “parches nin caramelos” da Xunta de Galiza e a reclamar a recuperación da terceira unidade para o CEIP San Clemente para manter a calidade educativa no municipio. Segundo o responsable municipal, o número de nenas e nenos matriculados no centro, algún con necesidades educativas especiais, fai que se cumpran as rateos para manter as tres unidades de Educación Infantil: unha para tres anos, outra para catro e outra para cinco, co persoal docente respectivo.
Fariña considera que a Xunta de Galiza quere “calmar as augas” ante o malestar das familias e intenta convencelas anunciando que valorará a posibilidade de conceder unha mestra de apoio como extra. Segundo o responsable do BNG, esa proposta plantexada por Educación non é máis que unha saída cara adiante que pretende ocultar o feito de que ao recortar unha unidade de Educación Infantil lle quitaron dúas mestras de infantil a este centro educativo do que tan orgullosos estamos en Caldas de Reis e que tan bo traballo ven realizando nos últimos anos.
O nacionalista sostén que a decisión de recortar unha unidade de Educación Infantil no CEIP de San Clemente “é unha decisión política do Partido Popular”. Explica que os números son claros, xa que un CEIP con dúas unidades de Infantil debe ter un máximo de 26 prazas atendendo ás rateos que figuran no acordo de agrupamentos do ano 2009.
Sen embargo, no CEIP de San Clemente hai, a efectos de rateo, 29 alumnos e alumnas matriculados debido a que as rapazas e rapaces con necesidades educativas especiais computan con un coeficiente de incremento. “Se realmente quixeran dar o servizo que Caldas merece, devolverían a terceira aula que corresponde legalmente, e modificarían o DOG cunha corrección de erros... porque está claro que os números dan para manter esa unidade e que alguén se trabucou”, dixo ironicamente.
Fariña lembra que o goberno municipal mostrou o seu total apoio ás familias afectadas dende o primeiro momento, “poñendo á súa disposición todos os medios que fosen necesarios para esixirlle á Xunta o mantemento da terceira unidade de Infantil”, e
salienta que mentres nais, pais, profesionais e goberno municipal están loitando para manter a terceira unidade de Educación Infantil do CEIP San Clemente, “o PP de Caldas de Reis e Fernando Pérez volven facer o ridículo gabándose de manter a segunda unidade grazas ás súas xestións”.