Soutomaior inviste 160.000 euros para humanizar a Praza da Aldea, en Arcade de Riba
Soutomaior, 6 de setembro de 2024. O Goberno de Soutomaior vai investir 160.000 euros para humanizar a Praza da Aldea, en Arcade de Riba, e converter este espazo central do barrio nun núcleo de centralidade. A obra estase a levar a cabo grazas a unha subvención conseguida polo Goberno local ao abeiro do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.
En concreto, os traballos que o Goberno de Soutomaior vai levar a cabo será a pavimentación con pedra do país e o arranxo do acceso á praza con pedra e formigón. Ademais, dotarase a zona con mobiliario urbano, como aparcadoiros, bancos e árbores, que farán da Praza da Aldea un espazo coidado, moderno e agradable para a veciñanza.
O obxectivo da actuación é poñer en valor o espazo e a contorna dun dos barrios históricos do noso concello. A obra terá en conta en todo momento o conxunto arquitectónico formado polos muros de mampostería, cruceiros, edificacións e outros elementos que xa forman parte da Praza da Aldea, respectando a esencia que caracteriza o barrio.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Obras, Pablo Garrido, achegáronse este venres ata a praza para ver de primeira man os primeiros avances dos traballos. O rexedor sinalou que “con esta obra a Praza da Aldea dá un salto de calidade xigantesco. É un modelo urbanístico que xa se pode ver noutros concellos como Tomiño ou Allariz e que tan bos resultados dá. Nas vindeiras semanas a veciñanza de Arcade de Riba xa desfrutará dunha praza máis moderna e accesible”.
Neste sentido, o alcalde Manu Lourenzo agradeceu o traballo realizado polas funcionarias municipais e polo equipo de Goberno para conseguir a subvención do Plan +Provincia coa que se financia a obra na Praza da Aldea. “Levamos durante todo o ano realizando un traballo constante e inxente que nos permitiu conseguir máis de millón e medio de euros en subvencións. Grazas a isto e á boa saúde económica na que se atopan as arcas municipais, imos realizar numerosos investimentos e actuacións no que queda de ano para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.