Caldas volve acoller a xuntanza moteira dos Keimaos para celebrar o seu décimo aniversario
O vindeiro sábado 14 de setembro a área recreativa de Paradivas, en Caldas de Reis, será novamente o centro neurálxico da concentración da peña moteira ‘Os Keimaos’, que este ano cumpre o seu décimo aniversario. Este evento moteiro, que por segundo ano se celebra en Caldas coa colaboración do Concello, incluirá novidades na súa programación, como a organización dunha ‘Ruta Barítima’ de pinchos ademais do xa tradicional percorrido polo Xiabre, atraccións para rapazada e maiores, merendas e pinchadas, sorteos e música.
Dende o goberno local, o tenente de alcalde Manuel Fariña amosouse satisfeito porque Caldas volva acoller a celebración por segundo ano consecutivo despois do éxito de 2023, cando tanto a organización como a veciñanza gozaron dunha xornada moi animada e interxeracional. “Agardamos que o tempo axude que aínda haxa máis xente que o ano pasado”, destacou o nacionalista, que salientou o grande número de seguidores e seguidoras que teñen as concentracións moteiras.
O evento, que este ano cumpre a súa sétima edición, comezará ás once da mañá, e media hora máis tarde darase a saída da ‘Ruta Barítima’, que terá dúas paradas para que as e os moteiros poidan pinchar unhas tapas, primerio na ‘Tasca do Stop’ na parroquia de San Clemente e no ‘Novo Varadoiro’ no centro da vila, para dirixirse despois de volta á área recreativa de Paradivas.
Logo desa ruta, de feito, todas e todos os que queiran quedar a comer poderán facelo no propio recinto onde estará o ‘foodtruck’ de ‘Chill Grill’. Xa ás 15 horas nas Paradivas comezará a festa, amenizada polo coñecido DJ Javi Solla. Unha hora máis tarde abrirán as atraccións para adultos e cativada, e ás 17.30 sairase coas motos para facer a ruta polo Xiabre. Ás 18 horas haberá unha pinchada-merenda de froitas para a rapazada, ás 19.30 o sorteo dunha roda e ás 20 horas unha pinchada de porco ao espeto. Tamén haberá ‘probas de decibelios’ habitual nas xuntanzas moteiras. A concentración rematará sobre as nove da noite.
O tenente de alcalde subliña que dende a Concellería de Cultura, Deporte e Turismo facilitarase a celebración do décimo aniversario dos Keimaos poñendo a disposición a colaboración do persoal de Protección Civil e Policía Local ademais da colaboración económica coa peña para a celebración do evento. Fariña salienta que a Área Recreativa de Paradivas, preto do encoro do Umia, reúne as características idóneas para esta celebración, xa que conta tamén con canchas e pistas deportivas ademais de ter espazos para pasear na contorna da presa, así como unha ampla zona para o estacionamento das motos. “O día 14 Caldas vai ser un non parar. Animamos a todas e todos os moteiros a vir e coñecer a nosa vila”, convidou Fariña.