O CEIP Parada de Campañó estrea nova distribución da mobilidade para garantir a seguranza da cativada na entrada ao colexio
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores acompañado dos concelleiros do Rural e de Educación, María Xosé Abilleira e Demetrio Gómez visitaron en compañía dos técnicos municipais as obras de mellora da seguranza viaria na contorna do CEIP Parada, Campañó. que fora adxudicada á empresa COVSA por 350.920,96 euros.
A actuación consistíu na mellora dun vial de conexión do lugar, dun camiño e dunha senda que entrelazan o CEIP, onde había que resolver un problema de seguranza viaria do alumnado do centro, e varios elementos patrimoniais do lugar: un lavadoiro e unha fonte, xerando ademais, novos espazos de convivencia.
No ámbito do colexio, acordouse facer un lugar para deixar os cativos e cativas sen conxestionar a vía e eliminando o tráfico do treito do colexio cara o norte. Modificouse a vía adxacente que se alongou e creouse unha área na que os pais deixan aos fillos no centro e non colapsan integramente o vial. Unha vez no colexio, creáronse tres ramplas completamente accesibles que distribúen os fluxos de entrada segundo o medio de transporte. Estas tres ramplas están protexidas por tres muretes que modifican o aspecto exterior do CEIP. Tamén se mellorararon os portalóns e os peches. O pavimento, ao igual ca os muros executouse en formigón de árido visto.
Outro dos puntos nos que se actuou neste proxecto é na contorna do Lavadoiro da vila onde se creou un espazo de estancia con sombra natural. Tratouse dunha intervención mínima creando tres muretes baixos que permiten facer accesible o lugar. Tamén se incluíu sinalética e elementos de xestión da auga.
Os viais foron tratados en distintos tipo de pavimento segundo a súa utilidade: asfalto nos viais e formigón nas sendas.
O alcalde aproveitou a súa visita a Campañó para saudar á dirección do centro de Parada e desexarlle bo inicio de curso. Tamén deixou material promocional dos fondos europeos da Estratexia DUSI Máis Modelo Pontevedra para todos os integrantes do centro: escolares, profesorado e persoal asistencial.