ENVIA O DOCUMENTO Á OFICINA NACIONAL DE EVALUACIÓN
Pontevedra continúa a dar pasos firmes para licitar un novo contrato do lixo que suporá un cambio de paradigma na xestión dos residuos
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores informou da aprobación dos informes técnicos e xurídicos, xunto co estudo económico e proxecto de explotación do servizo de recollida de residuos sólidos domésticos e limpeza viaria do Concello de Pontevedra, que serán remitidos á Oficina Nacional de Evaluación (ONE), un trámite necesario e obrigatorio para todos os contratos de servizos públicos.
A función da ONE é facer unha avaliación da sustentabilidade económica do novo contrato, e terá un prazo de trinta días naturais para emitir o seu informe.
O informe da ONE é un trámite necesario e obrigatorio para todos os servizos públicos
“Unha vez rematada esta xestión diante da ONE, o Concello deberá facerse un informe económico na área de Intervención para sacar a licitación o proxecto”, explicou o rexedor. “Este proxecto é un proxecto que suporá un cambio de paradigma para Pontevedra á hora de entender a reciclaxe e a xestión dos residuos, adaptado á nova lei e a todas as directrices europeas. É un contrato pioneiro, xa que non coñecemos ningún contrato deste tipo”.
O alcalde lembrou que este será o segundo intento de licitación, xa que a primeira tentativa quedara deserta. “Fixemos as modificacións técnicas pertinentes”, indicou. “Falamos dun contrato que terá un custo en vinte anos de máis de 256 millóns de euros, perto de 13 millóns de euros anuais”.
A maiores están o custe da recollida e xestión dos residuos téxtiles, así como o pago a Sogama dos rexeites de planta que teñan de ser mandados a incineración ou ao vertedoiro, que non están incluídos nesta cifra.